Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Berrogüetto presenta o vindeiro xoves en Lugo o seu último traballo, Kosmogonías


# Xoves, 13/05/2010
A recadación do concerto destinarase ao proxecto da Casa Museo do poeta Manuel María

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Berrogüetto presentará en Lugo o seu quinto traballo discográfico, que leva por título Kosmogonías, o vindeiro xoves 20 ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire.

Este concerto enmárcase na programación da terceira edición do ciclo Lubicán, organizado ao amparo do convenio Lugo Cultural co obxectivo de achegar ao público a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diversas formacións.

Berrogüetto destinará a recadación deste recital á Fundación Manuel María de Estudos Galegos, co fin de contribuír á compra da casa natal do poeta en Outeiro de Rei para convertela na Casa Museo que dea acollida ao seu legado. As entradas, con prezos dende os seis aos doce euros, pódense adquirir de xeito anticipado na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

Lugo Cultural decidiu sumarse a esta iniciativa co ciclo Lubicán, facendo unha excepción na súa programación que habitualmente é de entrada libre, ao considerar que a figura de Manuel María e a súa vinculación coa capital luguesa, da que é Fillo Predilecto “ben merece o esforzo de todos”.

O concerto presentárono este xoves en Lugo o vicerreitor de Coordinación do campus, Carlos Herrero; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Nuria Mundiña; e o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez. Tamén asistiron os compoñentes de Berrogüetto, Guillerme Fernández e Santiago Cribeiro.

Kosmogonías
O grupo Berrogüetto caracterízase por mesturar a súa paixón pola música tradicional galega coa experimentación máis contemporánea, un estilo que o levou a se converter nunha das bandas máis importantes da escena musical mundial.

O seu último disco, Kosmogonías, é unha síntese de música, filosofía e ecoloxía que leva ao ouvinte ao momento de partida por excelencia, ao Big Band, ao triunfo da materia sobre a antimateria. Este traballo é unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara á consecución dun sistema de organización máis xusto.

O Berrogüetto actual fórmano Anxo Pintos, Guillermo Fernández, Isaac Palacín, Quico Comesaña, Quim Farinha, Santiago Cribeiro e Xabier Díaz.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova