Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

CATRO CONCERTOS A PRÓXIMA SEMANA NO FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO


# Venres, 14/05/2010


A próxima semana o Festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana do Corpus, que organiza a Concellería de Cultura, presenta un intenso programa de actividades que inclúe tres concertos e o segundo concerto familiar do Corpus dos Nenos.

O primeiro dos concertos é o mércores 19 de maio no Círculo das Artes. Cúmprese no 2010 o bicentenario do nacemento de Frédéric Chopin e o festival lembra a este romántico compositor polaco cunha faciana pouco coñecida da súa obra, a da canción, nun concerto no que a soprano extremeña María Espada e o pianista de orixe brasileiro Kennedy Moretti afondan na relación e influencia entre as composicións de Chopin e as do triunvirato de autores belcantistas, os grandes Gioacchino Rossini, Vincenzo Bellini e Gaetano Donizetti. Nada en Mérida, María Espada é unha cantante moi versátil, o seu repertorio vai dende á música de cámara á ópera e do barroco ata o século XX. Sen dúbida é unha das grandes sopranos españolas do momento e unha artista que se atopa nese momento dourado dunha carreira na que converxen a mellor condición vocal e a madurez interpretativa. Estas cualidades non pasaron desapercibidas para directores da talla de Jesús López Cobos, Aldo Ceccato, Josep Pons, Antoni Ros Marbá, Frans Brüggen, Andrea Marcon, Tamás Vásáry, Alberto Zedda, Diego Fasolis, Fabio Bonizzoni, Christophe Coin, Eduardo López Banzo, etc. e orquestras do prestixio de Venice Baroque Orchestra, Orchestra of the 18th century, I Barocchisti, Orquesta Sinfónica de Barcelona e Nacional de Cataluña, Orquestra da Radio Húngara, Al Ayre Español, La Risonanza, Ricercar Consort, Orquestra Barroca de Helsinki, etc. Nado no Brasil, Kennedy Moretti reside actualmente en España e combina un intenso labor como concertista coa docencia na Escola Superior de Música de Cataluña.

O venres 21 de maio, na Fundación Caixa Galicia, o festival propón unha singular combinación de instrumentos, un dúo de contrabaixo e clave. Os intérpretes son Carlos Méndez (músico donostiarra que actualmente é contrabaixista principal da Real Filharmonía de Galicia e creador e director do único certame organizado en España dedicado integramente ao contrabaixo, o Festival de Contrabaixo Ludwig Streicher que xa vai pola súa oitava edición) e Fernando López Pan (clavecinista galego formado en Amsterdam e París e mestre no Conservatorio Superior de Música da Coruña). Xuntos interpretarán as tres sonatas para viola da gamba e clave de Bach: sen dúbida será toda unha experiencia escoitalas coa particular sonoridade do contrabaixo.

O sábado 22 de maio (Círculo das Artes), a agrupación Evo debuta en Galicia co seu particular xeito de entender a música medieval, fundamentado en tradicións musicais vivas, tanto europeas como orientais ou norteafricanas. Esta agrupación está formada por músicos experimentados no campo da música antiga e de raíz unidos para a profundización e interpretación do repertorio poético-musical do Medievo. Co uso dunha rica variedade de recursos ao través de diferentes técnicas de ornamentación, rítmica, improvisación ou instrumentarium, esta agrupación dirixida por Efren Vázquez crea unha estética viva, persoal e interdisciplinar. Istampita títulase o programa que inclúe estampidas reais, que con toda probabilidade constitúen o máis antigo exemplo de música instrumental de danza conservado en Occidente, e pezas tradicionais gregas, turcas, indias, de Azarbaixán, etc. Nesta ocasión, Evo está formado por Efrén López (salterio de macillos, salterio punteado, arpa gótica, zanfona, cítola, guiterna, rabab e trompa marina), Miriam Encinas (viella, frautas de pico, bendir, pandero cuadrado e riq), Laia Puig (cornamusa, tsambouna, gaida, chirimías e frautas de pico), Iván López (voz) e Pedram Khavar Zamini (tombak).

O mesmo grupo Evo realiza o mesmo sábado 22 de maio (Círculo das Artes) o segundo dos concertos do Corpus dos Nenos, un ciclo de tres concertos familiares pensado para que os país e toda a familia compartan cos seus rapaces. Evo estrea no Festival de Música Cidade do Lugo o seu conto musical Kashmir rumbo a… Lugo, unha historia dun neno, o neno máis pequeño do mundo que por accidente cae no interior dun baúl repleto de instrumentos musicais. A partir daquela acompañará, sen querer, a un grupo de músicos que se convertirán nos seus compañeiros de viaxe. Este polizón, invisible polo seu tamaño, realizará unha viaxe por diversos países e culturas polos que irá coñecendo novas xentes e novas costumes. Esta viaxe polo mundo suporá tamén unha profunda viaxe persoal na que crecerá interiormente, asimilando valores como a comprensión e a tolerancia, e coñecerá mellor que ninguén os instrumentos porque vivirá neles e con eles. Os cinco compoñentes de Evo están acompañados neste concerto polo actor Joan Comes.

Como é habitual no festival, a entrada para todos concertos é gratuita ata completar o aforo das salas.

PROGRAMA :

Concerto 11

Aniversario Chopin: a influencia do bel canto en Chopin
MARÍA ESPADA soprano
KENNEDY MORETTI piano
cancións de Bellini, Donizetti, Rossini e Chopin
mércores 19 de maio de 2010
Círculo das Artes
20:30

Concerto 12
Sonatas de Bach
CARLOS MÉNDEZ contrabaixo
FERNANDO LÓPEZ PAN clave
venres 21 de maio de 2010
Fundación Caixa Galicia
20:30

Concerto 13
Istampitta, a danza na Idade Media
EVO
sábado 22 de maio de 2010
Círculo das Artes
21:00


O Corpus dos nenos (Concerto 2)
Kashmir rumbo a… Lugo
EVO
sábado 22 de maio de 2010
Círculo das Artes
18:00
recomendado a partir de 6 anos


Entrada libre ata completar o aforo do local



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova