Imprimir

O FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO XXXVIII SEMANA DO CORPUS CONTINÚA CU CONCERTO NA HONRA DE CHOPIN


18/5/2010 Será mañá mércores 19 de maio ás 20:30 horas no Círculo das Artes

No 2010 cúmprese o bicentenario do nacemento de Frédéric Chopin e o festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana da Corpus lembra a este romántico compositor polaco.

O concerto que terá lugar mañá mércores 19 de maio no Círculo das Artes, contará unha faciana pouco coñecida da súa obra, a da canción. A soprano extremeña María Espada e o pianista de orixe brasileira Kennedy Moretti afondan na relación e influencia entre as composicións de Chopin e as do triunvirato de autores belcantistas, os grandes Gioacchino Rossini, Vincenzo Bellini e Gaetano Donizetti.

Nada en Mérida, María Espada é unha cantante moi versátil, o seu repertorio vai dende á música de cámara á ópera e do barroco ata o século XX. Sen dúbida é unha das grandes sopranos españolas do momento e unha artista que se atopa nese momento dourado dunha carreira na que converxen a mellor condición vocal e a madurez interpretativa. Estas cualidades non pasaron desapercibidas para directores da talla de Jesús López Cobos, Aldo Ceccato, Josep Pons, Antoni Ros Marbá, Frans Brüggen, Andrea Marcon, Tamás Vásáry, Alberto Zedda, Diego Fasolis, Fabio Bonizzoni, Christophe Coin, Eduardo López Banzo, etc. e orquestras do prestixio de Venice Baroque Orchestra, Orchestra of the 18th century, I Barocchisti, Orquesta Sinfónica de Barcelona e Nacional de Cataluña, Orquestra da Radio Húngara, Al Ayre Español, La Risonanza, Ricercar Consort, Orquestra Barroca de Helsinki, etc.

Nado no Brasil, Kennedy Moretti reside actualmente en España e combina un intenso labor como concertista coa docencia na Escola Superior de Música de Cataluña.

Como é habitual no festival, a entrada para o concerto é gratuita ata completar o aforo da sala.