O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Xerente de Asogal, José Luis Iglesias, asinaron hoxe un convenio de colaboración no marco de Lugo10 para a realización dos actos e actividades que se engloban baixo a marca coa que o Concello de Lugo está a conmemorar o décimo aniversario da Muralla Romana como Patrimonio Mundial.
O convenio establece a colaboración para a organización, programación e posta en marcha deste programa cultural, artístico, deportivo, científico, turístico e, sobre todo, social.
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, agradeceu a colaboración de Asogal con Lugo10 e “o seu xesto de confianza na cidade”, e engadiu “utilizaremos a súa aportación para o patrocinio de Lugo10 para lograr que a cidade e a Muralla sexan máis coñecidas”. López Orozco afirmou que “é necesario que se sepa que hai empresas de Lugo que a pesar da situación económica actual funcionan e traballan ben” .
O Alcalde explicou que o patrocionios de Lugo10 están merecendo a pena xa que a Muralla é cada vez máis coñecida.
A empresa colabora coa achega de 15.000 euros para asumir os gastos derivados das actividades realizadas polo Concello na execución do programa Lugo10, actuando así como patrocinador.
A cambio, o Concello de Lugo fará constar a colaboración de Asogal nun lugar prioritario do conxunto de accións incluídas na comunicación global corporativa, como campañas de publicidade e marketing que se leven a cabo.
Así mesmo, o xerente de Asogal recibiu de mans do Alcalde o título de embaixador da Muralla Romana acompañado dun diploma acreditativo e un agasallo institucional de cerámica.
www.lugo10.es