Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo que organiza o Concello entra no seu tramo final


# Venres, 21/05/2010


No seu tramo final, o Festival de Música Cidade de Lugo programou unha semana con catro concertos de gran variedade de contidos e o terceiro e último concerto familiar do Corpus dos Nenos.

A semana comeza na Igrexa de San Pedro o luns 24 de maio coa xa habitual actuación do Coro da Universidade de Santiago de Compostela. Baixo a dirección de Miro Moreira e na compaña da da Capela Compostelana, o coro compostelán non falta á súa cita anual co festival, interpretando nesta ocasión o Membra Jesu Nostri de Buxtehude. Esta obra do lonxevo compositor alemán Dietrich Buxtehude é un oratorio sobre a paixón de Cristo formado por sete meditacións ou movementos (en latín) que contemplan e describen, cada unha delas, as diferentes partes do corpo de Cristo na cruz (pés, xeonllos, mans, cóbados, peito, corazón e cara). Fundado hai xa máis de trinta anos, en 1979, o coro está dirixido dende hai dez por Miro Moreira, profesor de canto coral e formación vocal da USC.

A difusión da música dos nosos creadores, dos nosos compositores, é unha das obrigas ineludibles do Festival de Música Cidade de Lugo e así, a oferta da música contemporánea do festival inclúe a estrea mundial de tres obras dos compositores galegos no concerto que se celebra no Conservatorio Profesional de Música o mércores 26 de maio. As obras a estrear foron compostas polo coruñés Paulino Pereiro (un preludio para tres violas), o compostelán Fernando Buide (un dúo de violas) e por Wladimir Rosinskij (músico ruso que reside hai quince anos na Coruña onde é membro da Sinfónica de Galicia e do que se estrea unha obra para batería, dúas violas e viola eléctrica). O concerto estará a cargo do Ensemble Plus, un conxunto de violas austríaco, do que é membro o propio Rosinskij, especializado na música do século XX e actual que atesoura unha gran experiencia con actuacións en prestixiosos festivais centroeuropeos, máis de corenta estreas mundiais e numerosas gravacións discográficas e radiofónicas. Completa o programa unha obra do compositor ucraniano Volodimir Runchak, para cuarteto de violas e banda magnética, que se estrea en España.

Tamén cómpre salientar o último dos concertos dedicados ao lied do festival, que supón o debut en Galicia da Katerina Karnéus (o xoves 27 de maio no Círculo das Artes). Este é ademais o primeiro recital solista en España da mezzosoprano sueca que, acompañada ao piano por Julius Drake (xa un vello coñecido do público lucense), dedicará o seu concerto a un repertorio que coñece á perfección, o da canción nórdica: o programa inclúe aos dous máis celebres compositores escandinavos, Grieg e Sibelius, xunto a cancións do menos coñecido Ture Rangström. Nada en Estocolmo, Katerina Karnéus gañou en 1995 en Gales un dos concursos de canto máis prestixiosos e esixentes do mundo, o BBC Cardiff Singer of the World. Sen dúbida é unha das cantantes de maior proxección internacional na actualidade, invitada habitual de teatros e auditorios da categoría do Metropolitan de Nova York, o Covent Garden londinense, os festivais de Salzburgo, Glyndebourne e Edimburgo, Viena, San Francisco, as óperas de París, Berlín, Múnic, Amsterdam, Bruxelas, Xenebra, etc., e colaboradora habitual de directores como Simon Rattle, Charles Mackerras, Mark Elder, Roger Norrington, Antonio Pappano, Michael Tilson-Thomas, Franz Welser-Möst ou Ivor Bolton.

O último concerto da semana é o sábado 29 de maio (Círculo das Artes) co actuación do grupo Jázzica; este é o nome do conxunto formado por músicos galegos que explora a influencia da música popular nun programa no que a música clásica, a música galega e o jazz comparten protagonismo. Froito da inquedanza na procura de marcos estéticos máis amplos que os da música clásica, os membros de Jázzica inspíranse na integración de distintos xéneros musicais nunhas interpretacións que inclúen a experimentación e a improvisación. Forman Jázzica dous profesores do Conservatorio de Santiago (o pianista Lorenzo de los Santos e o trompetista Fernando Rey), o percusionista especializado no jazz Javier Barral, o contrabaixista Alfonso Morán (membro da Real Filharmonía de Galicia) e a cantante Felisa Segade (artista moi destacada no eido da música tradicional galega que na actualidade é membro tamén de Leilía e Brincadeira). O programa inclúe pezas do norteamericano Scott Joplin, o francés Claude Bolling e os galegos José Castro “Chané” e Xoán Montes.

E o sábado 29 de maio tamén remata o Corpus dos Nenos, o ciclo de tres concertos familiares do Festival de Música Cidade de Lugo pensado para que os pais e toda a familia compartan cos seus rapaces. Títeres e música únense neste terceiro espectáculo (18:00) titulado A caixa de música e ideado pola compañía de títeres Viravolta e dirixido por Anxo García. “O conto comeza cando, mentres xogan, Icía e Salteiro estragan a caixa de música de Calderón, o vello músico que toca na praza; para arranxala os rapaces buscan a axuda de dous habilidosos personaxes, Anacruso e Arpexio”. O trío formado pola violinista Beatriz Rodríguez, a clarinetista Mariola Gil e o pianista José Manuel Yáñez tocan a música composta para este conto pola mestra e compositora galega Ermitas García Ríos. Este espectáculo creado por Viravolta coa técnica de títeres de mesa e luz negra está recomendado para nenos a partir de 3 anos.


PROGRAMA:

Concerto 14
Membra Jesu Nostri de Buxtehude
CORO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO
CAPELA COMPOSTELANA
MIRO MOREIRA director
luns 24 de maio de 2010
Igrexa de San Pedro
20:30

Concerto 15
Himno para violas
ENSEMBLE PLUS
obras de Runchak, Pereiro, Buide e Rosinskij
mércores 26 de maio de 2010
Conservatorio Profesional de Música
20:30

Concerto 16
A canción nórdica
KATARINA KARNÉUS mezzosoprano
JULIUS DRAKE piano
obras de Grieg, Sibelius e Rangström
xoves 27 de maio de 2010
Círculo das Artes
20:30

Concerto 17
JÁZZICA
Diálogos: entre o jazz e o popular, entre a clásica e a improvisación…
sábado 29 de maio de 2010
Círculo das Artes
21:00

O Corpus dos nenos (Concerto 3)
A caixa de música
VIRAVOLTA títeres
sábado 29 de maio de 2010
Círculo das Artes
18:00
recomendado a partir de 3 anos

Como é habitual no festival, a entrada para os concertos é gratuíta ata completar o aforo da salas.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova