Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O grupo EVO debuta en Galicia con dous concertos no Círculo das Artes, o primeiro dedicado aos máis pequenos


# Venres, 21/05/2010
Os concertos forman parte do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana do Corpus que organiza o Concello de Lugo

Debuta en Galicia a agrupación EVO que o sábado 22 de maio ofrece dous concertos no Círculo das Artes, o primeiro (18:00) un concerto familiar do Corpus dos Nenos, e o segundo ás 21:00.

O público xeral poderá apreciar a partir das 21:00 o particular xeito de entender a música medieval de EVO, fundamentado en tradicións musicais vivas, tanto europeas como orientais ou norteafricanas. Esta agrupación está formada por músicos experimentados no campo da música antiga e de raíz unidos para a profundización e interpretación do repertorio poético-musical do Medievo. Co uso dunha rica variedade de recursos a través de diferentes técnicas de ornamentación, rítmica, improvisación ou instrumentarium, esta agrupación dirixida por Efrén Vázquez crea unha estética viva, persoal e interdisciplinar.

Istampitta titúlase o programa que inclúe estampidas reais, que con toda probabilidade constitúen o máis antigo exemplo de música instrumental de danza conservado en Occidente, e pezas tradicionais gregas, turcas, indias, de Azarbaixán, etc. Nesta ocasión, Evo está formado por Efrén López (salterio de macillos, salterio punteado, arpa gótica, zanfona, cítola, guiterna, rabab e trompa marina), Miriam Encinas (viella, frautas de pico, bendir, pandeiro cadrado e riq), Laia Puig (cornamusa, tsambouna, gaida, chirimías e frautas de pico), Iván López (voz) e Pedram Khavar Zamini (tombak).

Pero con anterioridade, ás 18:00, EVO tamén protagoniza o segundo dos concertos do Corpus dos Nenos, un ciclo de tres concertos familiares pensado para que os pais e toda a familia compartan cos seus rapaces. Evo estrea no Festival de Música Cidade do Lugo o seu conto musical Kashmir rumbo a… Lugo, unha historia dun neno, o neno máis pequeno do mundo, que por accidente cae no interior dun baúl repleto de instrumentos musicais. A partir daquela acompañará, sen querer, a un grupo de músicos que se converterán nos seus compañeiros de viaxe. Este polizón, invisible polo seu tamaño, realizará unha viaxe por diversos países e culturas polos que irá coñecendo novas xentes e novos costumes. Esta viaxe polo mundo suporá tamén unha profunda viaxe persoal na que crecerá interiormente, asimilando valores como a comprensión e a tolerancia, e coñecerá mellor que ninguén os instrumentos porque vivirá neles e con eles. Os cinco compoñentes de Evo están acompañados neste concerto polo actor Joan Comes. O concerto está recomendado para nenos a partir de 6 anos.

Como é habitual no festival, a entrada para todos concertos é gratuíta ata completar o aforo das salas.

PROGRAMA:

Concerto 13
Istampitta, a danza na Idade Media
EVO
sábado 22 de maio de 2010
Círculo das Artes
21:00

O Corpus dos nenos (Concerto 2)
Kashmir rumbo a… Lugo
EVO
sábado 22 de maio de 2010
Círculo das Artes
18:00
recomendado a partir de 6 anos



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova