Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O festival de Música Cidade de Lugo acolle o primeiro recital en España da mezzosoprano sueca Katerina Karnéus


# Mércores, 26/05/2010
Será o xoves 27 de maio no Círculo das Artes

O último dos concertos dedicados ao lied do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana do Corpus, supón o debut en Galicia de Katerina Karnéus. A cita será o xoves 27 de maio ás 20:30 horas no Círculo das Artes.

Este é ademais o primeiro recital solista en España da mezzosoprano sueca que, acompañada ao piano por Julius Drake (xa un vello coñecido do público lucense), dedicará o seu concerto a un repertorio que coñece á perfección, o da canción nórdica: o programa inclúe aos dous máis célebres compositores escandinavos, Grieg e Sibelius, xunto a cancións do menos coñecido Ture Rangström.

Nada en Estocolomo, Katerina Karnéus gañou en 1995 en Gales un dos concursos de canto máis prestixiosos e esixentes do mundo, o BBC Cardiff Singer of the World. Sen dúbida é unha das cantantes de maior proxección internacional na actualidade, invitada habitual de teatros e auditorios da categoría do Metropolitan de Nova York, o Covent Garden londinense, os festivais de Salzburgo, Glyndebourne e Edimburgo, Viena, San Francisco, as óperas de París, Berlín, Múnic, Amsterdam, Bruxelas, Xenebra, etc., e colaboradora habitual de directores como Simon Rattle, Charles Mackerras, Mark Elder, Roger Norrington, Antonio Pappano, Michael Tilson-Thomas, Franz Welser-Möst ou Ivor Bolton.

Como é habitual no festival, a entrada para o concerto é gratuíta ata completar o aforo da sala.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova