Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participou na inauguración do Edificio Museo e Casa do Coñecemento (E=mc2) da USC


# Mércores, 26/05/2010
Trátase dun espazo cultural de vangarda, anexo á sede da Vicerreitoría de Coordinación, con auditorio e sala de exposicións

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou na inauguración do Edificio Museo e Casa do Coñecemento, tamén denominado E=mc2 xogando coas siglas do nome do edificio e cunha das máis famosas ecuacións da física, a teoría da relatividade de Einstein.

O acto inaugural contou tamén coa presenza do rector da USC, Senén Barro, do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira; o reitor electo, Juan José Casares Long; o director xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Pichel; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; e outros representantes da vida política, académica e social galega.

Este edificio, anexo á sede da Vicerreitoría de Coordinación do campus lugués, supón un novo espazo para a cultura e o coñecemento no centro histórico da cidade.

Espazo cultural e museístico
Localizado ao carón da Muralla romana, xunto á Porta de Santiago, o Edificio Museo e Casa do Coñecemento ven ampliar as instalacións da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo ao tempo que dota á institución académica e ao centro histórico da cidade dun novo espazo cultural de vangarda.

O edificio, con fachada de granito, distribúese en tres niveis, dependendo da USC a parte do solo para arriba. Estes dous andares dispoñen dun moderno auditorio con capacidade para 105 persoas e dunha sala de exposicións, unhas instalacións abertas a diferentes expresións artísticas e que servirán de foro de encontro, intercambio, diálogo e debate no que celebrar diferentes mostras, conferencias, xornadas e calquera outra actividade relacionada coa arte e o coñecemento.

Na zona do subsolo, dependente da Consellaría de Cultura, atópase un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes da capital luguesa, xa que nel apareceron os restos dunha vila romana do século I, dunha necrópole e dun templo ao deus Mitra construído no século III por militares romanos, vestixios da intensa vida social e relixiosa da cidade en tempos do Imperio Romano.

O desexo de preservar e expor estes restos in situ impuxo un deseño estrutural peculiar para o novo edificio, xa que os técnicos decidiron evitar apoios que puidesen danar ou interferir na contemplación do xacemento, sobre o que se construíu unha cuberta que, á vez, é a planta a ras de solo do novo inmoble.

Este proxecto arquitectónico, elaborado e dirixido por Felipe Peña, oculta unha grande estrutura de aceiro que permite cubrir sen apoios os 600 metros cadrados de xacemento arqueolóxico que se sitúa debaixo dos edificios e das rúas próximas ata chegar ao lenzo da muralla, na que toca sen apoiarse. O arquitecto deseñou un edificio comedido nos seus volumes e materiais e exuberante nos seus espazos interiores que permite ver os restos atopados dende a propia rúa. Ademais, mediante unhas escaleiras poderase descender a unha pasarela sobre o xacemento que posibilitará a súa contemplación dende máis preto.

Achados históricos
As actuacións levadas a cabo no solar da Vicerreitoría dende o ano 2000 depararon achados arqueolóxicos de grande valor, dos que se está a piques de rematar a última fase de musealización.

As escavacións deixaron ao descuberto claras evidencias dun templo dedicado a Mitra, un deus da luz. A peza máis destacada é unha ara de comezos do século III dedicada á divindade por un centurión da Lexión VII Gémina que estaba ao cargo da oficina local de recadación de impostos. Trátase dunha peza excepcional tanto polas súas características como polo bo estado de conservación que presenta.

Os traballos permitiron descubrir tamén a estrutura dunha grande mansión de planta alta, posiblemente do século I, derruída para a construción da muralla. Nesta edificación os arqueólogos atoparon pezas de cerámica, vidro, moedas, agullas de coser ou muíños de man.

No lugar apareceron tamén oito tumbas dunha necrópole medieval, aínda con restos humanos, e localizouse a rampla orixinal de acceso á muralla que se mantivo ata o século dezanove.

A USC prevé inaugurar o vindeiro mes de xuño unha exposición para que todos os cidadáns poidan achegarse aos principais achados feitos polo equipo do arqueólogo Celso Rodríguez nestas escavacións, á marxe dos que se conservarán in situ.

Un traballo a tres bandas
A USC adquire no ano 1998 o Pazo de Montenegro, situado na antiga praza Pío XII e deshabitado dende había varias décadas, co fin de rehabilitalo para albergar a sede da Vicerreitoría de Coordinación e un espazo cultural de vangarda.

No concurso de proxectos resulta gañador o proposto polos arquitectos Felipe Peña e Francisco Novoa, que comezan cos traballos de rehabilitación en xullo de 2001. Case un ano despois, en maio de 2002, o restaurado edificio inaugurábase coa presenza dos que por aquel entón eran reitor da USC, Darío Villanueva, e presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.

A finais de 2005, a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e a USC establecían un acordo de colaboración que culminaría no convenio de xuño de 2006 no que as tres institucións se comprometían á posta en valor dos restos arqueolóxicos atopados nas escavacións, executando esta acción en tres fases: unha primeira de estrutura e consolidación do xacemento, por conta da Consellaría de Cultura e o Concello; unha segunda consistente na construción do propio edificio, a cargo da USC; e unha terceira de musealización dos restos, que lle corresponde á Consellaría.

O orzamento total destinado á protección do xacemento e á posterior construción do edificio cultural superou os 2,6 millóns de euros, dos que a Consellaría de Cultura aportou algo máis de 1,2 millóns, a USC preto de 880.000 euros e o Concello de Lugo, 573.000.

‘Miradas’
Trala inauguración oficial do E=mc2, o reitor da USC abriu xa este mércores a primeira actividade cultural que se celebra neste novo espazo, unha exposición do escultor Ramón Conde.

Nesta mostra, que leva por título ‘Miradas’, o artista ourensán cambia as súas famosas pezas de personaxes voluminosos para centrarse en exclusiva na expresividade do rostro. Nesta nova aposta, o escultor avoga por colocar as obras á altura dos ollos do espectador co fin de establecer unha sorte de diálogo visual entre eles. A exposición poderase visitar ata o vindeiro 11 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Pepe Vaamonde e Brais Monxardín puxeron música ao evento coa interpretación da ‘Sonata Romántica para gaita e piano’, unha peza composta para demostrar que “da mesma maneira que este novo edificio rexuvenece da terra bimilenaria, o arcaico e o moderno tamén poden convivir e crear novas formas artísticas”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova