Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana do Corpus remata a vindeira semana


# Xoves, 27/05/2010
Aínda quedan tres citas musicais protagonizadas pola mezcla de jazz e música clásica, títeres para os nenos e nenas e a soprano María José Moreno

A vindeira semana remata o Festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana do Corpus organizado polo Concello de Lugo, pero aínda quedan tres citas musicais coas que poderá disfrutar o público lucense.

O sábado 29 de maio actuará no Círculo das Artesás 21:00 horas o grupo Jázzica, un conxunto formado por músicos galegos que explora a influencia da música popular nun programa no que a música clásica, a música galega e o jazz comparten protagonismo.

Froito da inquedanza na procura de marcos estéticos máis amplos que os da música clásica, os membros de Jázzica inspíranse na integración de distintos xéneros musicais nunhas interpretacións que inclúen a experimentación e a improvisación.

Forman Jázzica dous profesores do Conservatorio de Santiago (o pianista Lorenzo de los Santos e o trompetista Fernando Rey), o percusionista especializado no jazz Javier Barral, o contrabaixista Alfonso Morán (membro da Real Filharmonía de Galicia) e a cantante Felisa Segade (artista moi destacada no eido da música tradicional galega que na actualidade é membro tamén de Leilía e Brincadeira). O programa inclúe pezas do norteamericano Scott Joplin, o francés Claude Bolling e os galegos José Castro “Chané” e Xoán Montes.

O sábado 29 de maio tamén remata o Corpus dos Nenos, o ciclo de tres concertos familiares do Festival de Música Cidade de Lugo, pensado para que os pais e toda a familia compartan cos seus rapaces. Títeres e música únense neste terceiro espectáculo, que terá lugar ás 18:00 horas no Círculo das Artes, titulado A caixa de música, ideado pola compañía de títeres Viravolta e dirixido por Anxo García.

O conto comeza cando, mentres xogan, Icía e Salteiro estragan a caixa de música de Calderón, o vello músico que toca na praza; para arranxala os rapaces buscan a axuda de dous habilidosos personaxes, Anacruso e Arpexio. O trío formado pola violinista Beatriz Rodríguez, a clarinetista Mariola Gil e o pianista José Manuel Yáñez tocan a música composta para este conto pola mestra e compositora galega Ermitas García Ríos. Este espectáculo creado por Viravolta coa técnica de títeres de mesa e luz negra está recomendado para nenos a partir de 3 anos.

Probablemente boa parte dos afeccionados lucenses aínda lembren a magnífica impresión deixada por María José Moreno na edición do 2002 do Festival de Música Cidade de Lugo. Nunha edición de grande éxito na que os cantantes (Romina Basso, Ann Hallenberg, Ronan Collett, Katerina Karnéus, María Espada e Guillemette Laurens) brilaron con luz propia, a soprano granadina será a encargada de clausurar o festival o martes 1 de xuño ás 20:30 horas no Círculo das Artes.

A música de Haendel e Haydn enche un concerto no que a música vocal (María José Moreno cantará o motete Sileti venti de Haendel e a cantata Qual dubbio ormai de Haydn) comparte protagonismo coa música orquestral e sinfónica a cargo da Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Massimo Spadano, que interpretarán a Música Acuática de Haendel e a Sinfonía nº 49 “A paixón” de Haydn.

Nada en Granada, María José Moreno axiña cambiou a súa residencia a Madrid, onde se formou na Escola Superior de Canto. O primeiro premio no prestixioso Concurso Francisco Viñas en 1997 supuxo o arranque dunha fructífera carreira que xa a levou a cantar a teatros de renome como a Staatsoper de Viena, a Scala de Milán ou o Liceo de Barcelona, entre moitos outros, e a colaborar con directores da talla de Peter Maag, Colin Davis, Jesús López Cobos, Alberto Zedda, Frans Bruggen, Rinaldo Alessandrini, Christophe Rousset, etc.

Como é habitual no festival, a entrada para os concertos será gratuíta ata completar o aforo da salas.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova