Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo adica 149.000 euros a subvencións para o alugueiro e arranxo de vivendas para facelas accesibles


# Domingo, 30/05/2010
* Xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes
* Para a Concelleira de Benestar, o acceso a unha vivenda digna é un dereito irrenunciable


O Concello de Lugo adica este ano 149.000 euros a subvencións en materia de vivenda. 95.000 euros son para axudas adicadas ó alugueiro de vivendas e outros 54.000 para mellorar a accesibilidade de vivendas de maiores dependentes.

O Goberno local considera necesario facer un esforzo para tratar de garantir que todos os lucenses teñan acceso a unha vivenda digna, como establece a Constitución, segundo destacou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre. Basadre manifestou que “o obxectivo do equipo de Goberno do Concello é procurar o benestar de todos os cidadáns e sobre todo dos veciños que teñen máis dificultades nesta conxuntura económica, especialmente aquelas persoas que perderon o seu posto de traballo e non perciben prestación por desemprego”.

No caso das axudas para arranxar as vivendas, preténdese “axudar a que os maiores dependentes poidan ter unha vida máis fácil no seu propio domicilio”, segundo a Concelleira.

Carmen Basadre tamén indicou que o acceso á unha vivenda digna é unha prioridade para a súa Concellería e dixo que “estas subvencións en materia de vivenda engádense ás axudas de emerxencia social que concede a Concellería de Benestar Social “que duplicou as axudas que concede para os alugueiros”.

O prazo para presentar as solicitudes xa está aberto e os trámites pódense facer na Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (EVISLUSA). No caso das subvencións para o alugueiro o prazo estará aberto ata o día 16 de xuño. O prazo para solicitar as axudas para mellorar a accesibilidade e habitabilidade das vivendas de persoas maiores dependentes rematará o día 26 de xuño.

As bases reguladoras das dúas liñas de axudas foron publicadas no Diario Oficial de Galicia do 27 de maio e pódense consultar na web do Concello de Lugo www.lugo.es.

Axudas ó alugueiro

Poderán solicitar estas axudas os arrendatarios de vivendas que estean desempregados dende o 1 de xaneiro deste ano, os parados que deixaron de percibir prestacións na mesma data, os pensionistas e beneficiarios de prestacións sociais, inmigrantes e emigrantes retornados, mozos menores de 35 anos, familias monoparentais con cargas familiares non compartidas, discapacitados cunha minusvalía superior ó 33%, mulleres vítimas de violencia de xénero, separados ou divorciados con problemas de acceso a vivenda derivada da ruptura da unión familiar e maiores de 65 anos que convivan con menores de 35 anos.

Para acceder ás subvencións ó alugueiro de vivendas é necesario estar empadroado en Lugo e ter uns ingresos inferiores a dúas veces o IPREM (índice público de rendas de efectos múltiples). Outro requisito é que o custe do aluguer da vivenda non supere os 350 euros ó mes. As axudas concederanse por un período máximo de doce meses e son incompatibles con calquera outra axuda polo mesmo concepto.

Axudas para vivendas de maiores

A Concellería de Servizos Sociais estableceu estas axudas porque considera esencial previr a dependencia e mellorar as condicións de vida das persoas maiores, sobre todo das que se atopan en situación de maior soedade e precariedade, de xeito que a través de pequenas adaptacións poidan residir en vivendas acondicionadas e dignas.

O Concello de Lugo ten unha porcentaxe de poboación maior de 65 anos que acada o 19% (a media nacional se sitúa entorno ó 16,3%). Non obstante, a evolución da pirámide de idade na cidade fai prever que nos vindeiros anos se incorporen a este segmento da terceira idade un maior número de persoas que nos anos precedentes, polo que nun futuro pode aventurarse unha poboación maior de 75 anos superior as 10.000 persoas. Ademais, o Concello de Lugo ten un nivel medio de renda dispoñible per cápita inferior ó das outras capitales de provincia de Galicia.

Desta convocatoria de subvencións quedan excluídas as obras en vivendas que estean ubicadas na área de rehabilitación integral do barrio de Sagrado Corazón por ser obxecto de subvencións especificas de rehabilitación por parte doutras Administracións Públicas.

As obras que serán subvencionables son as pequenas reformas ou reparacións que permitan facer máis accesible a vivenda, así como a existencia e correcto funcionamento de servizos sanitarios e cociñas, instalacións eléctricas e de saneamento e fontanaría, o sistema de calefacción e a extracción de fumes e ventilación.

Tamén o serán os illamentos térmico e acústico e a adecuación e distribución de espazos interiores, iluminados e ventilados, e sistemas de aforro enerxético.

Poden acollerse a esta convocatoria tanto propietarios como arrendatarios ou inquilinos das vivendas sempre que sexa o seu domicilio habitual e reúnan estes requisitos:

a)- Que vivan sós, agás que o solicitante teña recoñecida gran dependencia segundo a Lei de Dependencia ou que teña recoñecida a grande discapacidade.

b)- Que sexan persoas dependentes, e dicir, que teñen recoñecido a situación de dependencia; padezan unha discapacidade igual ou superior ó 33% ou teñan diagnosticado a enfermidade de alzheimer ou outras demencias

c)- Que posúan uns ingresos que non excedan 1,5 veces o IPREM.

Tamén son requisitos para acceder a estas subvencións estar empadroado no Concello de Lugo, usar a vivenda como domicilio habitual e permanente e non ter sido beneficiario destas subvencións o ano pasado.

A subvención non poderá superar a contía individual de 4.000 euros.

evislusa.lugo.es

Bases e solicitude Subvención Aluguer

Bases e solicitude Subvención Melloras Accesibilidade

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova