O Concello de Lugo abriu o prazo para a concesión de subvencións para a celebración de festas patronais e actos tradicionais (Lume Novo) nas parroquias e barrios do municipio.
Para a celebración as festas patronais cada parroquia, barrio ou núcleo poboacional poderá contar cunha subvención máxima de 600 euros, contando cun orzamento total de 42.000 euros.
Para Lume Novo o Concello destinará un total de 8.500 euros que serán repartidos por igual entre todas as solicitudes presentadas.
En canto os prazos para presentar as solicitudes: para as festas patronais será ata o 1 de outubro de 2010 e para Lume Novo será ata o 22 de xuño. As instancias de solicitude deberán presentarse no rexistro xeral do Concello.
Por outra banda, o Concello de Lugo abriu o prazo ata ás 13:00 horas do 23 de xuño para solicitar o permiso para realizar as fogueiras de San Xoán, que deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Queda prohibido queimar rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos.
- As fogueiras non poderán facerse en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou de xardíns, e naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo.
- O responsable ou responsables e os organizadores de cada fogueira han de retirar do lugar de celebración tódolos restos que queden unha vez rematada a queima.
- En caso de incumprimento do indicado ou de queixas fundamentadas dos veciños, procederase polo Servizo de Extinción de Incendios, e a requirimento da Policía Local, a sufocar de inmediato a fogueira.
- As solicitudes para obter o permiso para a queima faranse nos impresos que están a disposición dos interesados nas dependencias da Policía Local e na web do Concello.
Solicitude de subvencións de Festas Patronais e Lume Novo na sección "Tramita na túa casa"