Imprimir

ELIXIDOS OS CARTEIS ANUNCIADORES DO SAN FROILÁN E SAN FROILANCIÑO 2010


7/6/2010 * Os deseños gañadores teñen como protagonista á Muralla Romana
* O concurso contou cunha participación moi elevada

A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, fixo hoxe pública a obra gañadora do certame de deseño gráfico de San Froilán 2010 que se converterá no cartel anunciador das festas deste ano. A premiada na edición de adultos foi Rebeca Novo Castro co cartel "DE RONDA".

A gañadora do concurso, contará coa satisfacción de ser a autora do cartel que se repartirá por toda España para promocionar estas festas de interese turístico galego e nacional, pero ademais, contará cun premio económico que ascende a 2.000 euros.

O xurado explicou que “o que máis destaca do cartel é a perspectiva que ofrece da Muralla e que suxire a forma do polbo”. A Concelleira engadiu que “esperemos que guste e que sirva de reclamo para que veñan o maior número de visitantes ás festas deste ano”.

Nesta edición o concurso contou cunha participación moi elevada,segundo explicou Mundiña, presentáronse un total de 68 carteis na edición de adultos, e 20 traballos na edición dos máis cativos.

No apartado infantil do concurso o gañador foi Luís Domínguez Besteiro, un rapaz de 8 anos que captou o espírito da festa entre os máis cativos destacando con colorido a imaxe da Muralla na súa obra O neno do tombo. O gañador será premiado cun agasallo adecuado á súa idade.

O xurado de expertos que elixiu as obras premiadas estivo composto, por Esther Muñoz Mella, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño "Ramón Falcón", Eduardo Rodríguez Ochoa, fotógrafo, e a artista plástica Fina Eirós.

www.sanfroilan.info