Cargando....
Concello de Lugo
17/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Unha exhibición da Fundación ONCE do can guía mostra o labor social destes animais


# Luns, 07/06/2010
Forma parte da programación para conmemorar o Décimo Aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial Lugo10

O Concello de Lugo, a través da programación de Lugo10, colabora coa Fundación ONCE na organización dunha exhibición co obxectivo de dar a coñecer o labor do Can Guía, e que terá lugar mañá martes, 8 de xuño, na Praza Maior.

Ás 17:00 horas comezará a exhibición, que será coordinada por dous técnicos da Escola de Cans da ONCE. O acto será inaugurado polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, que estará acompañado do Delegado Territorial da ONCE en Galicia, Eugenio Ferradás Moledo, e a directora da Fundación do Can Guía, Genma León Díaz.

Dentro dos actos programados por Lugo 10 en colaboración coa ONCE, ás 20:00 horas, a directora da Fundación do Can Guía ofrecerá unha charla sobre a Historia dun can guía no Centro de Convivencia Municipal Maruja Mallo, con entrada libre ata completar aforo.

A exhibición de cans guía permitirá aos lucenses coñecer de preto o traballo que realizan estes cans para facilitar a vida diaria das persoas con discapacidade visual. Como dar as ordes, como esquivar os obstáculos ou como debe comportarse o animal xunto ao seu usuario, son algúns dos aspectos que mostrarán os instrutores.

Así mesmo, os responsables da ONCE tentarán transmitir á sociedade a necesidade e obriga de facilitar a accesibilidade dos cans guía a todos os lugares. O pleno desenvolvemento do seu labor como guía de persoas con discapacidade visual, e o seu dereito de acceder a todos os lugares e espazos de uso público, están garantidos por leis ditadas polas distintas Comunidades Autónomas ou, na súa falta, pola regulación estatal contida no Real Decreto 3250/1983, de 7 de decembro. Aínda así, segue sendo moi importante reforzar a labor de mentalización social sobre os dereitos dos usuarios destes animais, que non poden ser discriminados por valerse dun can para a súa mobilidade.

A Fundación ONCE do Can Guía
A Fundación ONCE do Can Guía entregou en 2007 un total de 120 cans guía (3 deles na Comunidade de Galicia) perfectamente adestrados para mellorar a autonomía persoal e a mobilidade das persoas con discapacidade visual.

Actualmente, preto de 900 persoas con cegueira ou deficiencia visual grave son usuarios de can guía en España, 21 en Galicia (9 na Coruña, 2 en Lugo, 2 en Ourense e 8 en Pontevedra). Desde a súa creación en 1991, esta Fundación proporcionou máis de 1.500 cans guía, o 75% adestrados por ela mesma e o resto pola escola norteamericana Leader Dogs For the Blind, en Rochester, froito dun acordo asinado entre ambas as entidades e o Club de Leones.

A ONCE traballa actualmente con tres razas de can, o Labrador, o Golden Retriever e o Pastor Alemán, que demostraron ser as máis adecuadas para a función que desempeñan.

www.lugo10.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova