Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participou na inauguración da sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural no Campus de Lugo


# Mércores, 09/06/2010
Está situada na coñecida como ‘Casa da Granxa’, entre a Facultade de Dirección e Administración de Empresas e o Hospital Clínico Veterinario Rof Codina.

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O reitor da USC, Senén Barro, inaugurou este mércores a nova sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do Campus de Lugo situada na coñecida como ‘Casa da Granxa’, entre a Facultade de Dirección e Administración de Empresas e o Hospital Clínico Veterinario Rof Codina.

A Casa da Granxa, que se restaurou grazas ao convenio de colaboración asinado entre a USC, as Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural e a Deputación Provincial de Lugo, supón o novo espazo destinado ás investigacións realizadas polo IBADER coas infraestruturas precisas para o seu desenvolvemento. O edificio dispón de dúas plantas nas que se distribúen diversos despachos e salas de traballo ademais dun laboratorio de catalogación e recursos biolóxicos ou un sistema de información xeográfica.

Á inauguración asistiron tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e os vicerreitores adxuntos; o director do IBADER e futuro vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil; o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; o reitor electo da USC, Juan Casares; o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe; o xefe territorial da Consellaría de Educación, Jesús Ramos Ledo; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde de Lugo, José López Orozco; e outras autoridades da vida política, social e académica local, provincial e autonómica.

Tralo acto oficial a nova sede do IBADER, que antes se atopaba na Facultade de Veterinaria, abriu as súas portas a todas aquelas persoas que desexaban coñecer as súas dependencias e o traballo que nelas se vai desenvolver.

As novas instalacións
A Casa da Granxa construíuse ao redor do ano 1945 para acoller a vivenda do director da Estación Pecuaria Rexional de Galicia. No ano 2006, o Consello de Goberno do IBADER decidiu recuperar ese edificio como sede do instituto, para o que se asinou un convenio de colaboración entre a USC, as Consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente e a Deputación Provincial, que cedeu a finca. As entidades participaron en partes iguais no orzamento das obras, que comezaron en xaneiro de 2009 e que superaron os 500.000 euros.

A arquitecta Gloria Trigo elaborou o proxecto de reforma da edificación, formada por dúas unidades rectangulares de dous andares cunha superficie construída de máis de 500 metros cadrados, que se sitúa nunha parcela de preto de 3.000 metros cadrados. Este proxecto mantivo o aspecto exterior do inmoble, conservando elementos singulares como a galería e a terraza ou os materiais de madeira que forman a cuberta.
A restaurada Casa da Granxa acolle na súa planta baixa o Laboratorio de catalogación e recursos biolóxicos, un banco destinado a crío-conservación, xunto a diverso instrumental de microscopia óptica. Hai tamén un sistema de información xeográfica, orientado á planificación e xestión do medio rural e dos espazos naturais, e tres salas de traballo. O andar superior alberga unha aula con capacidade para 50 persoas, unha sala de reunións e as dependencias de dirección e administración do instituto.

O IBADER, un centro de referencia
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural foi creado no ano 2001 pola USC, o Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (Inludes), e as Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural na Facultade de Veterinaria, converténdose no primeiro instituto de investigación con sede en Lugo. O seu primeiro director foi Francisco Maseda,

A pesar do escaso tempo transcorrido dende a súa creación, o IBADER consolidouse xa como un centro de investigación de referencia, tanto no eido ambiental como do medio rural, e na planificación e xestión do territorio.

Ademais de actividades docentes e de formación, o instituto desenvolve destacadas investigacións científicas e técnicas relacionadas coa biodiversidade, os sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal, e o desenvolvemento rural. Asemade, realiza labores de asesoramento técnico a entidades, asociacións e empresas vinculadas co sector agrario, tratando de potenciar novos mercados de traballo para os alumnos das titulacións relacionadas.

Nos últimos anos foron moitos os proxectos competitivos realizados polo Consello Científico do IBADER, xunto aos seis grupos de investigación adscritos ao centro, así como os convenios establecidos coas diferentes administracións e empresas. Froito destes traballos, os ingresos en actividades de I+D+I dende o ano 2008 superan o millón de euros ao ano.

Entre as actividades máis coñecidas do IBADER figuran tamén as vinculadas coas publicacións do instituto, que mantén unha revista de carácter científico-técnico en soporte papel e dixital incluída en numerosas bases de referencia bibliográfica internacionais. Xunto a ela publícanse importantes monográficos sobre temas de actualidade no ámbito do medio ambiente e do medio rural cunha clara proxección ao territorio galego. Adquiriron igualmente relevancia os traballos relativos á creación do banco de datos da biodiversidade galega, o designado como Sistema de Información Territorial da Biodiversidade (SITEB) así como diversas ferramentas informáticas realizadas para a xestión forestal e a ordenación do territorio.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova