O vindeiro domingo 13 de xuño terá lugar a 7ª e última proba do circuíto de carreiras populares Larsa Corre con Nós que organiza o Concello de Lugo.
O lugar de celebración será na contorna do complexo Polideportivo de Frigsa con saída e chegada fronte á Pisicina Municipal, discorrendo o percorrido entre o Parque da Milagrosa, a rúa Monte Faro e a Avenida Infanta Elena, para completar unha distancia de 5.400 metros para todas as categorías de Adultos. O horario da saída será ás 12.00 horas.
Esta última carreira pechará as clasificacións definitivas do circuíto individual por categorías e as clasificacións xerais masculinas e femininas do circuíto que encabezan:
- Na categoría masculina: Nicolás Arroxo Fernández (San Fernando Lucus Caixa Rural Galega) con 6 carreiras disputadas a falta de completar o circuíto.
- Feminina: a atleta Olímpica Lucense María Abel Dieguez (Clínica Menorca) con 5 carreiras disputadas seguida de Noemi Moral Navazo con 6 carreiras disputadas que con completar esta última proba farase probablemente co título final debido á prioridade de número de carreiras participadas por encima da puntuación obtida nelas.
Unha vez finalizada a proba, na que todos os participantes recibirán un vale para trocar pola camiseta oficial do circuíto que poderán recoller no Centro Comercial As Termas, procederase á entrega dos trofeos finais a cada unha das categorías da E á N masculinas e femininas, o gañador e a gañadora finais individuais do circuíto e pecharase o evento coa entrega de trofeos aos 3 primeiros equipos que encabezan:
1. Lugo Monumental
2. Verxel Nutrición Deportiva
3. Monte Segade Laboratorios Nupel
A inscrición do circuíto é actualmente de 1.487 atletas que teñen a posibilidade de correr esta última proba.
Todos os atletas que acabasen o circuíto e completasen entre 6 e 7 carreiras poderán recoller nas oficinas da Concellería de Deportes entre os días 16 e 30 de xuño os vales canxeables por material deportivo en tendas da cidade e un diploma acreditativo que deberán recoller en Macrocopia.