Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo defende o papel dos Concellos como dinamizadores das iniciativas cidadáns


# Venres, 11/06/2010
O Alcalde participa en Xetafe no II Foro de Autoridades Locais da Periferia

López Orozco sinala a declaración da Muralla como Patrimonio Mundial e o Arde Lucus como exemplos de participación cidadá impulsada polo Concello

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, considera que os Concellos deben actuar como animadores das iniciativas que parten da cidadanía e teñen que ser quen busque o común denominador dos distintos intereses e aspiracións dos seus veciños. Dado que as cidades e as súas xentes son e deben ser plurais, o labor dos Concellos ha de ser o de aglutinar esas distintas vontades, dixo José López Orozco.

O Alcalde de Lugo falou das redes e iniciativas cidadáns como ferramenta para o desenvolvemento da comunidade local no II Foro de Autoridades Locais da Periferia que se está a celebrar en Xetafe.

José López Orozco explicou que Lugo era unha cidade máis espectadora que actora e nos últimos anos logrouse inverter esa situación, algo do que o Concello se sinte especialmente satisfeito.

A modo de exemplo, o Alcalde sinalou a importancia que tivo a participación da cidadanía lucense para conquerir a declaración da Muralla como Patrimonio Mundial, un éxito que se debeu, ademais de o bo proxecto presentado, a que toda a cidadanía estivo apoiando a candidatura. O rexedor municipal advertiu de que “este tipo de iniciativas hai que facelas ben para non correr o risco de que acaben producindo frustración”. No caso de Lugo, dixo o Alcalde, “o éxito que supuxo a decisión da UNESCO traduciuse no aumento da autoestima dos lucenses”.

Na mesma liña, o Concello proxectou conmemorar o décimo aniversario da Declaración. Así, o programa Lugo10, que puxo en marcha o Concello, “logrou involucrar ás empresas da cidade que actúan como patrocinadores e a asociacións e colectivos que son quenes propoñen as numerosas actividades conmemorativas”.

O Alcalde puxo tamén como exemplo de iniciativas cidadáns impulsadas polo Concello a Rede Mercurio, formada por institucións, patronal e sindicatos, para “fomentar iniciativas de emprego, nestes momentos de pesimismo económico o que só lle poñeremos fin traballando entre todos para conquistar o futuro”.

Outro exemplo ó que se referiu na súa intervención López Orozco foi o Plan Estratéxico, “hoxe felizmente concluído e no que participaron 2.500 veciños coas súas iniciativas”.

“E ata nas festas pódense aunar os esforzos dunha sociedade plural”, dixo o Alcalde, en referencia ó Arde Lucus. Para acabar a súa intervención, López Orozco convidou ós asistentes ó Foro a coñecer a multitudinaria festa que resalta o noso pasado romano e que logrou “a participación de familias, clubs e da que naceron incluso asociacións para traballar xuntos e festexar o noso pasado”.

A intervención do Alcalde de Lugo no Foro de Autoridades Locais da Periferia produciuse na Mesa sobre “As redes e iniciativas cidadáns como ferramentas de desenvolvemento da comunidade local e da posibilidade de construír metrópolis solidarias, sostibles e diversas”.

Este Foro de Autoridades Locais trata sobre Cidades solidades solidarias, sostibles e democráticas e ten lugar dende o xoves ata mañá na localidade madrileña de Xetafe.

www.lugo10.es

www.ardelucus.com

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova