Imprimir

LUGO CELEBRA A OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA Ó SANTÍSIMO SACRAMENTO


13/6/2010 O Delegado Rexio reclamou un modelo social máis xusto e salientou que o galego é o signo de identidade máis valioso de Galicia

O Concello de Lugo recibiu ó Alcalde de Mondoñedo antes da cerimonia relixiosa á que asistiron representantes das sete cidades e numerosas autoridades galegas

Un ano máis a cidade de Lugo, como ven ocorrendo dende 1669, foi escenario da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ó Santísimo Sacramento. Nesta ocasión o Delegado Rexio, que representa as sete cidades do Antigo Reino de Galicia, foi o Alcalde de Mondoñedo, M. Orlando González Cruz.

Os actos conmemorativos comezaron na Casa do Concello. Alí o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e outros membros da Corporación Municipal, recibiron ás autoridades que asistiron ós actos de celebración da Ofrenda. Posteriormente, o Alcalde de Lugo e os outros compoñentes da Corporación Municipal recibiron ó Delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia, que este ano foi o Alcalde de Mondoñedo, M. Orlando González Cruz, que firmou, a continuación, no Libro de Honra do Concello.

Ademais dos representantes de Lugo e Mondoñedo, nos actos participaron os representantes das outras cinco cidades do Antigo Reino de Galicia, o Tenente de Alcalde da Coruña, Carlos González Garcés; as Concelleiras de Ourense, Ana Garrido Rodríguez, e Santiago, Mar Martín García; o Tenente de Alcalde de Betanzos, José Luis Santos Codelo, e o Concelleiro de Tui, Manuel Vázquez González.

Tamén asistiron ós actos, entre outras autoridades galegas, o Valedor do Pobo, Benigno López González, o Presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Miguel Ángel Cadenas Sobreira; o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela García, e o Xefe Superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá.

Tralos actos no Concello, saíu a comitiva ata a Catedral, onde tivo lugar a cerimonia relixiosa na que o Delegado Rexio fixo a Ofrenda ó Santísimo Sacramento.

Logo de lembrar que esta Ofrenda celébrase dende que as Xuntas do Reino de Galicia acordaran contribuír á iluminación do Altar Maior da Catedral, en 1669, o Delegado Rexio fixo referencia a que vivimos “tempos de crise económica e de valores” e dirixiuse ó Santísimo Sacramento para invocar a súa “comprensión para superar os múltiples problemas que padecen as nosas sociedades, derivados dun modelo económico e social profundamente inxusto”.
“Asistimos impotentes”, engadiu,”ó mandato imperativo dos mercados, ó paradoxo de que os artífices da crise impoñen as súas solucións a costa dos erarios públicos, para perpetuar intereses especulativos do capital financeiro, para seguir lucrándose a costa dun modelo económico insolidario e carente de toda ética”.

O Delegado Rexio asegurou tamén que “asistimos ó feito de a política terse engurrado diante da economía a ó desprestixio dos cargos públicos por mor dos casos de corrupción que salpican a nosa sociedade, co risco que isto supón para a saúde democrática”.

Continuou dicindo que “asistimos insensíbeis á marxinación e abandono das maiorías desfavorecidas do planeta” mentres vemos, dixo, “como se ocupan países e se promoven guerras que deixan pingües beneficios na industria armamentística, como se extenden as redes do narcotráfico ou como destruímos os recursos naturais”.

“Asistimos resignados”, asegurou o Delegado Rexio, “á concentración planetaria das riquezas e do poder económico, á expansión mundial do poder financeiro e especulador”.

Noutro momento da Ofrenda, o Alcalde de Mondoñedo, sinalou que “nun mundo interdependente, Galicia e os galegos e galegas tamén sofren as consecuencias dunha crise global e sistémica” da que dixo que “cómpre resolver e non anestesiar”.

“Desde a tolerancia e o respecto á diferencia” o Delegado Rexio defendeu a necesidade dun modelo social máis xusto e equitativo e dirixiuse ó Santísimo para pedir, entre outras cousas, a fin das guerras, a erradicación da pobreza, o respecto a natureza, a supresión da explotación infantil e o respecto á identidade dos pobos. Neste sentido referiuse a nosa lingua “hoxe ameazada por quenes nin a aman, nin comprenden que é o signo de identidade máis valioso do noso pobo”.

Para rematar, o Delegado Rexio sinalou que para el hoxe a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ten a finalidade de “iluminar as mentes e abrir os corazóns daqueles bos e xenerosos que están dispostos a encetar de novo a ardua tarefa de construírmos unha sociedade galega e un mundo mellor desde a paz e o diálogo”.

O Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Manuel Sánchez Monge, foi o encargado de responderlle ó oferente.

Logo do oficio relixioso autoridades civís, militares e relixiosas, entre as que se atopaban todos os bispos galegos, participaron na procesión que percorreu o centro da cidade.