Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentado o programa do Arde Lucus MMX que terá lugar entre o 25 e o 27 de xuño


# Luns, 14/06/2010
Un ano máis a cidade revivirá o seu pasado romano ao longo de tres días cargados de actividades e sorpresas

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Un ano máis, coa chegada do verán, a cidade de Lugo revivirá o seu pasado romano. O Concello de Lugo xa ten todo preparado para celebrar entre o 25 e 27 de xuño a festa do Arde Lucus que este ano cumpre a súa novena edición.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo presentaron hoxe o programa de actividades que arrincará ás 17:00 horas da tarde do venres 25 de xuño coa apertura do Macellum -Mercado- (con máis de 60 postos de artesanía) e do campamento dos forxadores na praza do Ferrol. Dende este momento a cidade comezará a vivir tres días de intensa actividade nos que lucenses e visitantes poderán disfrutar coa recreación da historia, das tradicións e da cultura romana.

Serán tres días nos que se verá reflectido o intenso traballo realizado por todos para acadar un maior éxito nesta festa de todos e todas as lucenses e de todos os que veñan a visitar a cidade nestes días. “Esta é a festa de referencia do mundo da romanización do noso pasado do que nos sentimos orgullosos“, indicou o Alcalde. “Estamos ante unha festa que non queremos comparar con ningunha, é a nosa e queremos mellorala ano tras ano”.

A Concelleira de Xuventude explicou que este ano a programación do Arde Lucus MMX inclúe un sinfín de actividades para todos os públicos, para maiores e pequenos.

Contarase cos espectáculos tradicionais que se veñen celebrando ano tras ano como o Nasciturus, as vodas celtas e romanas, a Expugnatio -batalla final entre celtas e romanos- que este ano terá lugar na praza do Ferrol. Non faltarán os desfiles, malabares con lume, teatro, a bacanal, a exhibición de bigas, venda de escravos, a profetisa...

A Concelleira anunciou que nesta ocasión o circo romano contará, como o ano anterior, con dous pases, un nocturno o venres 25 ás 24.00 horas, e outro o sábado a partir das 19:30horas. Este impresionante espectáculo que cada ano congrega a máis xente celebrarase como ven sendo habitual na explanada ao carón do Pavillón Municipal dos Deportes. Para entrar nas gradas habilitadas para circo haberá que mercar as entradas no Centro de Interpretación da Muralla a un prezo simbólico dun euro a partir do mércores 16 de xuño, como todos os anos o espectáculo poderá verse dende as ladeiras do parque de Rosalía de Castro.

Rielo explicou que o prato forte deste ano virá da man do grupo alemán Timetrotter, unha compañía dedicada á reconstrución histórica que goza dunha ampla experiencia neste campo, especialmente no referido á cabalería militar romana. O grupo protagonizará en Lugo varios espectáculos hípicos, un o venres ás 19:30 e outro o domingo ás 18:30 horas na explanada do Pavillón Municipal, o sábado ás 12.00 e ás 21.15 realizarán un desfile polas rúas da cidade.

No relativo á recreación histórica será importante tamén a participación da asociación Hispania Romana que fará, entre outras, a recreación das loitas de gladiadores.

A Tabernae, que estará situada na praza da Soidade, converterase no comedor romano da cidade, e na Praza de Anxo Fernández Gómez haberá un comedor celta, o recuncho de Litha, nos que dende o venres ao mediodía ata o domingo día 27 servirase un menú totalmente romano e castrexo.

Como o ano pasado os alumnos do conservatorio de danza protagonizarán un espectáculo baixo o nome de Danzarium. Ademais, contarase tamén con outra das novidades do ano pasado:o campamento de forxadores no que se reconstruirá a vida cotiá da xentes dedicadas a traballar co ferro na época romana, así como a de outras labores habituais nun campamento que nesta ocasión estará ubicado na Praza do Ferrol.

Dentro deste campamento estará situada a “Fragua do Mirmillón”, onde se recreará o oficio tradicional de ferreiro o sábado e domingo de 11:00 a 20:00 horas. Nesta fragua, as persoas que o desexen poderán practicar o oficio de forxador, guiados polos ferreiros e ferreiras da fragua.

Entre as novidades previstas para este ano a Concelleira anunciou un afondamento no castigo aos rebeldes e os funerais castrexos e romanos, que ata o de agora non foran representados no Arde Lucus.

A Concelleira resaltou a implicación das asociacións, os grupos de voluntarios, os patrocinadores e colaboradores que permiten contar cunha programación tan ampla como Asogal, grupo Bascuas, Kentes, a Deputación Provincial, Centrad, Laboratorios Nupel, Estrella Galicia, Hipólito SL, Coca-Cola, Gran Hotel, Caixanova Vía romana Adegas e Viñedos e o Centro Comercial As Termas.

Este ano haberá unha programación especial destinada aos máis cativos: o Miúdo Arde que terá como centro a Praza da Constitución. A actividade comezará o venres 25 ás 17:30 horas e rematará o domingo ás 19:30 horas. Os rapaces e rapazas poderán participar en xogos romanos e castrexos, contacontos, espectáculos de maxia, malabares,…

O Alcalde e a Concelleira animaron a todos a participar e disfrutar desta festa que atrae cada ano a máis número de visitantes de fóra de Lugo e que na edición do ano pasado contou con máis de 460.000 persoas e deixou uns beneficios mínimos de 10 millóns de euros.

Lucus Cultural
A Concelleira explicou que durante os días previos a festa terán lugar unha serie de actos de marcado carácter cultural:

- 18 de xuño ás 19:30 horas Roberto Bartolomé Abraria dará unha conferencia sobre o Fenómeno cultural castrexo:un exemplo en Lugo. No salón de actos da Deputación.

- 23 de xuño ás 20:00 horas Celso Rodríguez Cao dará un relatorio sobre o Domus do Mitreo. Na Deputación Provincial.

- Do 18 ao 22 de xuño terán lugar unha serie de visitas guiadas: o 18 pola tarde a Casa dos Mosaicos, o 19 pola mañá ao Castro de Viladonga, o 20 pola mañá ao Museo de San Roque, á Muralla o 21 pola tarde e o 22 pola tarde ao Porta Miñá.

www.ardelucus.com

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova