Imprimir

O ALCALDE E O CONSELLEIRO DE CULTURA PRESENTAN O PROXECTO GAÑADOR DO CONCURSO DE IDEAS DO MUSEO DA ROMANIZACIÓN


15/6/2010 * O investimento previsto é de 10 millóns de euros
* O Alcalde convidou ó Conselleiro a asistir ós actos de Lugo10

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentaron hoxe o proxecto que gañou o concurso de ideas do anteproxecto para rehabilitar o Cuartel de San Fernando e convertelo no Centro de Interpretación e Museo da Romanización.

A proposta gañadora Perseo é dos arquitectos madrileños Pedro Colón de Carvajal Solís e Raquel Buj García, autores entre outros proxectos do Monumento ás Vítimas do 11-M. Foi elixida entre as 70 propostas presentadas.

No acto o Alcalde manifestou que coa rehabilitación do Cuartel de San Fernando Lugo “gana un museo importante que vai completar a rede museística da cidade, á que tamén se sumará o Museo Interactivo da Historia de Lugo que xa está avanzado”.
López Orozco lembrou que a creación do Museo da Romanización no antigo Cuartel de San Fernando “é froito do acordo entre o Concello e a Xunta” e sinalou que a cesión do Cuartel á Xunta xa foi publicada no Boletín Oficial da Provincia e “agardo que en dúas semanas a Xunta de Goberno Local aprobará todos os pasos administrativos” para completar a cesión.

O Alcalde sinalou que Lugo “é a cidade da romanización por excelencia” e dixo que entre os moitos vestixios romanos que hai na cidade destaca a Muralla”. E precisamente a Muralla “coincidindo co Xacobeo celebra o décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial, que foi un traballo de todos”, dixo o rexedor municipal. Aproveitando esta celebración o Alcalde convidou ó Conselleiro de Cultura a “participar con nós nalgún dos actos cos que conmemoramos esa declaración, que se organizan co apoio de moitas empresas e nos que colabora o conxunto dos cidadáns”. “Estamos desexando volver a velo en Lugo, débenos unha visita oficial ó Concello, e desexamos ver o proxecto no Diario Oficial de Galicia para que veña inaugurala”, dixo o Alcalde quen destacou que o novo museo “será un motivo máis para vir a Lugo, para atraer turismo e movemento económico á cidade”.

O Conselleiro de Cultura, Roberto Varela anunciou unha “inversión aproximada de 10 millóns de euros” nun centro “destinado a converterse nunha referencia para a investigación e difusión da nosa cultura e da nosa historia”. Tamén dixo que o museo será un “fito cultural para a cidade de Lugo e para toda Galicia” e dixo que o anteproxecto cumpre coas esixencias de respecto “coas características esenciais do Cuartel de San Fernando e coa contorna urbana que lle rodea, especialmente a Muralla”. Roberto Varela asegurou que “o xurado tivo moi en conta a excepcional importancia do Cuartel de San Fernando no que se emprazará o Museo da Romanización” e dixo que este museo “será unha infraestrutura primordial no programa da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico” xunto cos Centros de Interpretación de Arte Rupestre en Campo Lameiro, o da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las e o do Megalitismo da Costa da Morte.


O Museo da Romanización terá biblioteca, salas de exposicións e usos múltiples, auditorio para cen persoas e laboratorios, entre outras instalacións. A superficie será de 4.250 metros cadrados e, segundo o Conselleiro o proxecto básico e de execución estará redactado a finais de ano para licitar as obras e poñer a primeira pedra o ano que vén.

O segundo premio do concurso de ideas foi para Ianus dos arquitectos Jacobo Bouzada Jaureguízar e Jesús Sanz Castro. O terceiro ganouno Zócalo do estudo Hago SL. O primeiro accésit foi para Pasadera de Luis de la Rica Castedo e o segundo accésit para Cittá Aperta de Felipe Peña Pereda.

www.lugo10.es