Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentados na Casa do Concello os actos da II Asemblea da Irmandade Xurídica Galega


# Mércores, 16/06/2010
O fiscal superior reivindicou a tradición xurídica galeguista ligada a un exercicio profesional en clave antropolóxica

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, o subdelegado do Goberno, Xosé Vázquez Portomeñe, a vicepresidencia segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e outras autoridades, presentaron esta mañá na Casa do Concello os actos da II Asemblea da Irmandade Xurídica Galega.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, resaltou o labor que se está a levar a cabo para acadar a normalización do noso idioma en todos os ámbitos e, neste caso, na vida xurídica.
 
Varela recordou que nesa tradición galeguista da asemblea insírense profesionais do Dereito como Porteiro Garea, Fermín Bouza Brey, Salvador Cabeza de León, os notarios Hixinio Fernández de la Vega e Banet Fontela e xuristas como Peña Novo.

O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, reivindicou “a tradición xurídica galeguista que se veu interrompida a partir dos anos 70 e 80 coa desaparición de moitos aqueles homes do foro que souberon interpretar a súa profesión en clave antropolóxica”.

O fiscal superior definiu así os fins da Irmandade Xurídica Galega á que pertence, e que este ano réndelle homenaxe ao avogado monfortino Pedro González López (1918-1988) coa edición do libro A fonte limpa e a colocación dunha placa conmemorativa debaixo da que dá nome a súa rúa. A homenaxe inclúese dentro dos actos previsto para a II Asemblea da Irmandade, que se celebrará en Lugo os días 2 e 3 do vindeiro mes de xullo.

Para Peña Novo, Varela anunciou que propoñería ao alcalde e ao Concello de Lugo a dedicatoria dunha rúa ou a colocación dunha placa conmemorativa.

Na súa intervención ante os medios de comunicación, o fiscal superior salientou o esforzo profesional e persoal de Pedro González na galeguización da Xustiza. No repaso biográfico do homenaxeado, lembrou que foi decano do Colexio de Avogados de Lugo ata o seu falecemento e vicepresidente da Academia Galega de Xurisprudencia, á que ingresou co primeiro discurso en lingua galega que se pronunciaba nesa institución.

Pola súa banda, Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega, fixo fincapé na importancia de buscarlle á lingua outros espazos de usos alén da cultura e ensino. Monteagudo recordou que Lugo é unha provincia “practicamente monolingüe” e engadiu que os profesionais do Dereito e as asesorías xurídicas das institucións públicas deberían ter sempre presente o respecto á lingua galega dos cidadáns, utilizala perante as instancias xudiciais de xeito oral e escrito e reclamar dos tribunais a redacción de sentenzas en galego.

Benito Montero Prego, fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra, explicou o alcance da cooficialidade lingüística, as obrigas das institucións público respecto do fomento e uso da lingua galega, e a animación do proceso regaleguizador na sociedade.

Na súa quenda de intervención, o maxistrado-presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, Xosé Xoán Barreiro Prado, nomeado Galego Egrexio pola Irmandade o pasado mes de maio, salientou a importancia que ten que os xuíces se incorporen a este proceso galeguizador, anunciando que na Irmandade Xurídica Galega xa hai preto de 20. Barreiro fixo un chamamento a todos os que traballan na Administración de Xustiza na provincia de Lugo a que se sumen a este proceso.

Por último, Luís Villares Naveira, xuíz da Fonsagrada e encargado de coordinar o Seminario, animou a avogados, procuradores, fiscais, xuíces, maxistrados e funcionarios a asistiren ás xornadas que porán en valor o traballo en galego.

Pedro González
Pedro González naceu en Monforte o 10 de agosto de 1918, foi decano do Colexio de Avogados de Lugo ata o seu falecemento o día 17 de febreiro de 1988. Foi tamén Vicepresidente da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación sendo o seu discurso de ingreso o primeiro realizado en lingua galega.

Na súa memoria foi instituído polo Consello da Avogacía Galega no ano 2003, o premio xurídico “Pedro González” para recoñecer a traxectoria profesional daqueles avogadas e avogados que se teñan significado pola defensa da lingua galega no exercicio profesional.

Presidiu en 1972 o I Congreso de Dereito Galego de clara afirmación galeguista, onde tivo unha intervención moi destacada e no que se reclamou a abolición da pena de morte, a utilización da lingua galega na Administración de Xustiza e a compilación do dereito civil galego.

Foi presidente tamén da Comisión Organizadora do II Congreso de Dereito Galego de 1985, no que insistiu en que os galegos teñen o seu dereito propio e deben reclamalo a través da súa lingua para lograr unha Galicia con homes libres, proclamando que “cando centos de galegos, a través da historia, están demostrando a existencia dun Dereito Galego, están no seu dereito”.

Pedro González López ingresou na Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia, permanecendo inédito o seu discurso ata o día de hoxe, en que o publica a Irmandade. Este discurso, titulado “O pensamento político- xurídico do P. Benito Feixóo”, é un texto clarexador para entendermos o pensamento galeguista de moitos homes da ilustración preocupados pola galeguización da xustiza, como o fora o seu compañeiro de orde, o P. Sarmiento.


Programa
III ASEMBLEA XERAL DA IRMANDADE XURÍDICA GALEGA
Lugo, 2 e 3 de xullo de 2010

DIA 2 (venres)
18:00 Recepción no Concello de Lugo aos asistentes ao Seminario Xurídico
18:30 Descuberta de placa na rúa Pedro González López. 
Seminario de formación en Dereitos e Recursos Lingüísticos
19:00 O estatuto xurídico do galego na Administración de xustiza.
Relator: Luís Villares Naveira, Xuíz de Primeira Instancia e Instrución de Fonsagrada.
19.20 O galego como lingua de traballo na avogacía. Un distintivo de calidade e proximidade.
Relator: Xosé Manuel Fernández Varela. Secretario do ICA de Lugo. 19.40 A tramitación dos procedementos xudiciais na Administración de Xustiza. A administración sen lingua.
Relatora: Tareixa Dopico Pita. Funcionaria do Xulgado de Primeira Instancia n.º 4 de Lugo.
20.00 Os recursos informáticos e administrativos para o uso do galego na Administración de xustiza. ¿Realidade ou ficción?
Relatores: Flora Carpente Leira e Alexandre Alonso Alonso. Servizo de Tradución da Audiencia Provincial de Lugo.
20.20 Mesa redonda.
21.00 Clausura do Seminario.
21:30 Cea (Restaurante Los Robles)

DIA 3 (sábado)
10:30 a 12:00 Roteiro cultural
12:30 Acto nomeamento novos membros da IRMANDADE no Salón nobre da Deputación de Lugo
14:30 Xantar (Restaurante Las Bridas)

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova