Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta un completo programa de actividades para o verán 2010


# Venres, 18/06/2010
A oferta engloba un amplo abano de actividades para nenos e nenas e adultos

Imaxe Asociada
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e o Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, presentaron esta mañá a guía de actividades organizadas polo Concello de Lugo para o verán 2010.

Carmen Basadre, explicou que os seis centros sociais do Concello de Lugo ofertarán novamente este verán numerosas actividades e obradoiros para os que se abre a próxima semana o período de inscrición.

As actividades para os rapaces están orientadas ás actividades manuais como pintura, ou manualidades, contacto coa natureza, xogos de cores, animación á lectura e informática.

Para os adultos tamén se manterán algunhas actividades como informática e bioximnasia. Continúa este ano unha das actividades con máis éxito do verán o tai chi ao aire libre. Esta actividade está aberta a toda a poboación sen necesidade de inscrición previa. Esta actividade conta este ano con novos emprazamentos: terá lugar todos os martes e xoves de xullo de 10:00 a 11:00 na Plaza de Augas Férreas, nos meses de xullo e agosto de 20:00 a 21.00 martes e xoves no parque do Sagrado Corazón, e no parque da Milagrosa os luns e mércores de 19:30 a 20:30.

Os máis cativos
Para complementar a oferta, as aulas abertas comezarán a funcionar no mes de xullo nos centros da Milagrosa, Lamas de Prado, Fingoi, Uxío Novoneyra e Sagrado Corazón en horario de 9:00 a 14:00 horas, e en horario de tarde (na Milagrosa) de 16.30 a 20.00 horas. Esta actividade está destinada a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Terá unha cota de 1 euro media xornada e de 2 euros a xornada completa.

O programa Aprende Xogando terá lugar na nave de Vías e Obras do parque da Milagrosa, no Centro de Convivencia Maruja Mallo, e no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, e conta cun total de 99 prazas. O programa lévase a cabo durante todo o ano en horario de 16:00 a 20:30 en días lectivos e tamén en horario de 9:00 a 14:00 nas vacacións. Está destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Trátase dun programa dirixido a procurar o desenvolvemento da personalidade das nenas e nenos a través do xogo e do xoguete, a fomentar a práctica de xogo en grupo e axudar á integración dos menores con necesidades específicas mediante o xogo.


O Castiñeiro
Haberá tamén cursos de apoio escolar organizados polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello. Terán lugar no Punto Xuvenil da Praza do Castiñeiro. Para esta actividade ofértanse 7 prazas para alumnos e alumnas de secundaria, e 10 para educación primaria e 10 para adultos.

No telecentro do Castiñeiro haberá tamén clases de alfabetización informática nos meses de xullo e agosto para toda a poboación.

Ademais, as actividades ao aire libre terán cabida na Praza do Castiñeiro. Estarán destinadas a mozos e mozas de ata 18 anos. Haberá xogos, dinámicas, xincanas, deportes... de luns a venres entre as 18:00 e as 20:00 horas desde o 24 de agosto ata o 10 de setembro.

Por outra banda, unha das novidades deste ano será o II Curso de baile de verán. Star dance: a bailar! que terá lugar no mes de xullo de luns a mércores entre 19:00 e 21:00 horas no local social Díaz de Castro. Está destinado a persoas de entre 12 e 35 anos.

Ademais, haberá outro curso de tango no Centro de Convivencia Maruja Mallo para persoas maiores de 18 anos. Será os luns e mércores de 20:00 as 21:00 horas do 5 de xullo ao 30 de agosto.

Visitas
Un ano máis non faltarán as excursións organizadas polo Concello:
- Mércores 7 de xullo a Cedeira
- Mércores 28 de xullo a Vigo
- Mércores 4 de agosto ao Vicedo
- Mércores 11 de agosto a Mondoñedo pola mañá e á praia de Llas pola tarde
- Mércores 18 de agosto a Viveiro.

O número de prazas dispoñibles para cada unha delas é de 49.

Concurso
Por outra banda, convócase desde a Concellería de Cultura un concurso entre os nenos e nenas participantes nas distintas actividades desta programación Entregaráselles un carné de “Amigo/a de verán na Muralla” que lles permitirá presentar unha obra a ese concurso,no que se lles otorgarán tres premios.

Deportes
O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, explicou hoxe que ao longo do verán a súa Concellería oferta un bo número de actividades.

Entre o 22 de xuño e o 2 de xullo o campo de fútbol López Gorgoso acolle o campus de fútbol organizado polo SCD Milagrosa.

As instalacións deportivas municipais da Casa do Deporte acollerán do 22 ao 27 de xuño o Campus de Baloncesto Cidade de Lugo.

Como outros anos a Concellería de Deportes organiza os cursos de verán de Piragüismo, que se desenvolverán nas instalacións do Club Fluvial nos meses de xullo e agosto e na primeira quincena de setembro.

Outra das actividades deportivas ofertadas polo Concello son os cursos de verán de Tiro con Arco que terá lugar no colexio de As Gándaras nos meses de xullo, agosto e setembro.

Unha novidade deste ano, segundo explicou o edil, será o campus de patinaxe que terá lugar no polideportivo da Piringalla. Ademais haberá actividades de xadrez nas piscinas de verán todos os días.

Rural
Haberá sesións de cine en cinco parroquias da zona rural, e os nenos e nenas poderán asistir a diferentes actividades organizadas nas Escolas Rurais de Calde, San Xoán do Campo, Bóveda e Coeses.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova