Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O GOBERNO LOCAL PROPÓN PUBLICAR NA WEB DO CONCELLO O PATRIMONIO DOS CONCELLEIROS


# Luns, 21/06/2010


O Concello de Lugo estuda modificar o Regulamento Orgánico Municipal para publicar na web o rexistro patrimonial e de intereses dos Concelleiros.

A proposta da Alcaldía debaterase no pleno do Concello do vindeiro luns e foi tratada hoxe na Comisión de Asuntos Xerais, na que votaron a favor os grupos do PSOE e o BNG, en tanto que o PP abstívose.

Segundo explicou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, o Rexistro patrimonial e de intereses xa era público pero agora “vai ter un acceso máis fácil”.

A Concelleira remarcou que “diante da preocupación da sociedade pola honestidade dos políticos, o Goberno local toma a iniciativa de facer máis transparente a información sobre o patrimonio dos concelleiros coa publicación anual destes datos na web”. Méndez destacou tamén que o facemos “porque non temos nada que ocultar e agardamos que a proposta sexa aceptada polo Pleno municipal”.

A proposta do Goberno local establece que terán que facer as declaracións de intereses todos os concelleiros, así como os membros non electos da Xunta de Goberno Local, o persoal directivo e os funcionarios con habilitación estatal que desempeñen posto de traballo cuberto mediante libre designación.

Segundo consta na proposta que deu a coñecer a Concelleira de Economía, as declaracións anuais de actividades e bens publicaranse durante a segunda quincena do mes de xullo na páxina web do Concello. Tamén explicou Sonia Méndez que, se a proposta é aprobada polo Pleno haberá un trámite de información pública durante trinta días e despois abrirase outro prazo de vinte días para presentar as declaracións dende a toma de posesión da actual corporación, en xuño de 2008.


Travesía de Nadela

A Concelleira de Economía tamén se referiu ó proxecto da travesía de Nadela cuestionado hoxe polo PP. “A redacción deste proxecto foi encargado por unanimidade a semana pasada pola Mesa de Contratación, da que forma Parte o Partido Popular”, lembrou a Concelleira.

Tamén explicou que se realizaron “tres invitacións a outras tantas empresas, as que os técnicos consideraron máis acaídas" e, segundo detallou Sonia Méndez, “as empresas presentaron as súas ofertas en sobres pechados e adxudicouse á que presentou a proposta máis vantaxosa”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova