A Deputación pon a disposición do Concello de Lugo os terreos para mellorar o saneamento de Bosende
# Martes, 22/06/2010
O Alcalde e o Deputado de Gandería visitaron esta tarde as parcelas onde se instalará o novo colector de augas desta parroquia
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Deputado de Gandería, José María Arias, visitaron este martes as parcelas que lle cede ó Concello o organismo provincial para a instalación dun novo colector que permitirá mellorar o saneamento das augas residuais na parroquia de Bosende de Abaixo.
Concretamente, a Deputación doa 350 metros cadrados dos terreos onde actualmente se sitúan o Centro de Interpretación Terras do Miño e o Muiño Grande do Río Rato. Deste xeito, o Concello poderá instalar un colector de saneamento que se situará a unha profundidade de 1 metro, e que contará cun diámetro de 35 centímetros.
A obra enmárcase no proxecto de interese xeral de renovación do abastecemento e saneamento de Bosende de Abaixo, que está a desenvolver o Concello. Para executalo, o Concello precisa dispor das dúas fincas co fin de instalar un colector de saneamento que vai ocupar unha superficie de 23,60 metros cadrados nunha das parcelas e de 324,61 metros cadrados no outro terreo.
A iniciativa é froito da cooperación máxima entre ambas as dúas administracións a prol da mellora dos servizos que lles prestan ós cidadáns.
A obra de abastecemento e saneamento en Bosende de Abaixo suporá un investimento de case 220.000 euros, que se financiarán con fondos do FEIL e vaina executar a empresa Portosar Galicia S.L.
Compartir: