Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Secretario de Estado de Cooperación Territorial visita as obras do FEIL en Lugo


# Mércores, 23/06/2010
O FEIL financiou con case 3,9 millóns de euros a peonalización de Frigsa, a ampliación da piscina, o novo ximnasio e a remodelación das pistas de tenis

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, e o Alcalde, José López Orozco, visitaron esta mañá as obras que financiou en Lugo o Fondo Estatal de Investimento Local. Con cartos deste fondo financiáronse a peonalización do parque da Milagrosa, a ampliación da piscina cuberta climatizada, o novo ximnasio e a remodelación das pistas de tenis do complexo deportivo de Frigsa. O investimento total foi de 3.887.000 euros.

O Alcalde salientou a importancia do FEIL para os concellos de España e para as empresas. “Este plan permitiunos colaborar coas empresas no mantemento da carga de traballo e a creación de emprego” dixo López Orozco quen lembrou que 1.000 traballadores tiveron emprego coas obras que fixo o Concello con fondos do primeiro Plan. E destacou tamén que foi unha oportunidade “de facer obras que melloran as dotacións e equipamentos na cidade e nas 54 parroquias de Lugo”. Sobre o Plan deste ano indicou que “algunhas obras están en período de licitación e outras adxudicadas e a punto de empezar. E explicou que ademais das obras o Concello adica estes investimentos a “algo do que nos sentimos orgullosos porque adicamos o 20% ó gasto social”.

O Secretario de Estado de Cooperación Territorial cualificou este plan como “o investimento máis importante na historia dos concellos democráticos” xa que entre o ano pasado e este “puxéronse a disposición dos concellos 13.000 millóns de euros nun momento de dificultades económicas” para financiar 30.000 proxectos. No caso de Lugo, o Concello recibiu case 17 millóns o ano pasado e case 10 neste exercicio. Tamén explicou que neste segundo Fondo trátase de darlle máis importancia a proxectos sociais ou ambientais polo que felicitou ó Alcalde, do que dixo que “entendeu o que quería o Presidente do Goberno que era xenerar emprego e mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Na visita ás obras realizadas no parque da Milagrosa e na Piscina de Frigsa tamén participaron o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os Concelleiros de Infraestruturas, José Piñeiro, e de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío.

Parque da Milagrosa

O recinto de Frigsa é xunto co Parque Rosalía de Castro un dos maiores espazos libres públicos da cidade de Lugo, no que se concentran tanto zonas verdes como equipamentos sociais, deportivos, educativos e culturais e o Concello propúxose humanizalo para poñelo ó servizo dos cidadáns limitando ó imprescindible o tráfico rodado. Coa súa peonalización créase, xa nesta primeira fase, unha ampla zona de estancia e paseo.

O proxecto de peonalización inclúe o vial central do Parque da Milagrosa, polo que se accede ó recinto de Frigsa dende a Avenida da Coruña, e as dúas rúas que conflúen ó final do mesmo. Tamén comprende o tramo de vial que entronca co acceso dende a rúa Montefaro.

A primeira fase do proxecto de peonalización do parque da Milagrosa tivo un orzamento de 687.000 euros e executouse en nove meses. As obras consistiron na pavimentación e dotación de servizos de saneamento, abastecemento de auga e alumeado público, así como na instalación de mobiliario urbano. A supresión da circulación de vehículos, agás os de limpeza e emerxencias, para darlle ó viario un uso peonil foi o obxectivo principal deste proxecto, que tamén supuxo a eliminación das barreiras arquitectónicas.
Tocante ó alumeado, instaláronse 19 farolas e soterráronse as liñas áreas existentes con anterioridade.
Respecto a xardinería e ó mobiliario urbano, consérvanse ás árbores e os bancos de madeira existentes, ademais de instalar tres bancos modulares de formigón.

Instalacións deportivas

O FEIL tamén financiou a construción do novo vaso da piscina de Frigsa, que está a piques de rematar e que contou cun investimento de 2.700.000 euros. Outros proxectos en materia deportiva, xa rematados, que recibiron aportacións deste fondo son o novo ximnasio, cun orzamento de 330.000 euros, e a remodelación das pistas de tenis, que tiveron un custe de 170.000 euros

Recepción no Concello

Antes de visitar as obras do FEIL en Lugo, o Secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías estivo no Concello, onde o recibiron o Alcalde, José López Orozco, e varios membros da corporación.
O Secretario de Estado asinou no Libro de Honra do Concello baixo este texto “Con todo mi afecto a los vecinos y vecinas de Lugo por su esfuerzo permanente, con su Ayuntamiento a la cabeza, para conseguir hacer de esta maravillosa ciudad un lugar agradable para vivir”.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova