Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O CONCELLO MANTÉN O OPERATIVO DE LIMPEZA E ARRANXO DE DANOS TRALA TREBOADA QUE CAEU NA CIDADE


# Sábado, 26/06/2010
Os Bombeiros achicaron ata dous millóns de litros de auga nunha intervención nun garaxe asolagado

O Concello mantén a pleno rendemento o operativo que traballa na limpeza e arranxo dos desperfectos que ocasionou na cidade a intensa tormenta que caeu onte.
O equipo de Goberno e os servizos municipais seguen traballando para resolver os problemas ocasionados pola treboada.

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, sinalou que se demostra que “Lugo é capaz de superar emerxencias imprevistas coma esta”. Rábade tamén agradeceu a colaboración cidadá e o traballo que levan a cabo dende onte tanto os servizos municipais como as empresas concesionarias.

Os Bombeiros realizaron durante a mañá máis de 10 actuacións. Aínda a esta hora están traballando na Ronda de Fingoi, onde se chegaron a acumular dous millóns de litros de auga no garaxe dun edificio. Ata o lugar desprazáronse a pasada noite e esta mañá os Concelleiros de Protección da Comunidade e Infraestruturas, a Delegada de Urbanismo e tres técnicos municipais. Noutro garaxe da rúa Alfonso X o Sabio os bombeiros achicaron un millón e medio de litros de auga. Os Bombeiros tamén tiveron que intervir en Campos Novos.

Os servizos de Protección Civil traballaron esta mañá no valado e recuperación de tapas de sumidoiros, concretamente en Pío XII, República Argentina, Calzada da Ponte e Praza da Libertade. A forza da auga que caeu onte foi de tal magnitude que unha tapa dun sumidoiro da rúa Santiago foi desprazada arredor de 800 metros ata a Calzada da Ponte. Protección Civil tamén valou as escaleiras de acceso de República Argentina cara o Circo porque quedaron suspendidas ó levar a auga o recheo de terra.
Tamén valaron un importante socavón no Carril do Outono despois de que o valorara a Patrulla Verde. A Concellería de Infraestruturas encargoulle a unha empresa a instalación dunha chapa metálica para tapar o socavón.

Pola súa parte a Policía Local interveu esta mañá na Rúa da Luz e en Campos Novos, onde se asolagaron dous garaxes e sufriron danos outros tantos vehículos. Tamén acudiu a Alexandre Bóveda, onde quedaron atascados os sumidoiros. A empresa Urbaser fíxose cargo da súa reparación

A Concellería de Benestar Social e Igualdade decidiu pechar durante a fin de semana o Centro de Convivencia Trapero Pardo para limpalo. O peche prolongarase posiblemente toda a semana que vén co fin de ventilalo e que quede perfectamente acondicionado.

Arde Lucus

A forte treboada que caeu sobre Lugo na tarde de onte non logrou desanimar ós lucenses que desfrutan do Arde Lucus. Os espectáculos que tiveron que suspenderse onte terán lugar hoxe. O desfile de cabalería Equites terá lugar as 16.30 desta tarde e a sesión do Circo Romano aprazouse para hoxe ás 23.00.
O Concello calcula que unha vez superada a tormenta de auga e saraiba desfrutaron da festa unhas 80.000 persoas, algunhas das cales prolongaron a festa ata a mañá.

www.ardelucus.com

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova