Imprimir

COMEZAN AS VISITAS TEATRALIZADAS QUE CONMEMORARÁN O DÉCIMO ANIVERSARIO DA MURALLA COMO PATRIMONIO MUNDIAL


28/6/2010 A sexta edición das visitas englóbase no programa Lugo10

O Décimo Aniversario da Declaración como Patrimonio Mundial da Muralla de Lugo é o protagonista da nova edición das visitas teatralizadas que cada verán teñen lugar na cidade. Lugo Cidade 10 é o título deste novo espectáculo desta sexta tempada de visitas teatralizadas que comezan o vindeiro venres 2 de xullo e que se prolongarán durante todas as fines de semana do verán ata o próximo 12 de setembro.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, presentaron este novo espectáculo teatral que servirá este ano para presentar a zona vella da cidade e a súa Muralla romana tanto aos visitantes de Lugo, como aos seus habitantes.

O Alcalde explicou que “as visitas están dando un maior coñecemento á cidade, sobre todo este ano no que se celebra o Décimo Aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial e polo que se engloba na programación de Lugo10”. López Orozco afirmou que “encerran unha filosofía importante, que se pode coñecer a cidade desde un punto de vista divertido, emocional, que deixa unha impronta naqueles que nos visitan”.

Pola súa banda, o Concelleiro de Deportes e Turismo indicou que “se trata dunha actividade novidosa, aínda que sexa a sexta edición, pero que renovou o seu guión con motivo do Décimo Aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial”. Díaz Grandío explicou que “as sesións terán lugar de venres a domingo sumando un total de 66 representacións en 33 días de xullo, agosto e setembro”.

Nesta ocasión, o espectáculo comeza xunto o Centro de Interpretación da Muralla e Oficina de Turismo na Praza do Campo e desenvólvese entre Bispo Basulto, a Praza de Santa María e a Praza Maior, Praza de Campo Castelo para finalizar no tramo peonil da Ronda da Muralla.

Dous peculiares guías, Antía e Xurxo serán os anfitrións desta particular visita na que a información sobre Lugo, a súa historia e personaxes, así como a historia da súa Muralla irase transformando na emoción para o espectador. Tamén os peregrinos do Ano Xacobeo, viaxeiros do Camiño Primitivo a Santiago, percorrerán xunto aos espectadores esta visita.

As visitas teatralizadas terán lugar todos os venres ás 19 e 21 horas, os sábados ás 13, 19 e 21 horas e os domingos ás 13 horas. As entradas poderán adquirirse no Centro de Interpretación da Muralla e darán dereito de forma conxunta a unha visita ao mesmo, tamén nos establecementos hoteleiros da cidade poderán mercarse as entradas.

O espectáculo, producido por EscénaTe, foi escrito, como en anos anteriores, pola dramaturga María Fernanda Cosín, e foi dirixido pola galega Ana Carril. O deseño e a produción do vestiario foron realizados por Yaiza Pinillos. Todos os actores que interpretan estas visitas teatralizadas son galegos: Manuel Polo, Melania Pérez Cruz, Francisco Salgado, Fernando Tato, Ana Rouco e Ana Carreira encarnarán as distintas personaxes, que irán acompañados de música en directo interpretada por Yuri Sidar e Oleg Dzhevelo.

www.lugo10.es

www.lugoturismo.com