Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Éxito de participación, visitantes e económico do Arde Lucus 2010


# Luns, 28/06/2010
* A pesar da treboada do venres, a afluencia de visitantes non se resentiu
* O Concello xa empeza a preparar a edición do ano que vén


Imaxe Asociada

O Arde Lucus 2010 rematou cun balance moi positivo tanto no que se refire a afluencia de visitantes como de participación dos lucenses na celebración, a pesar da treboada que se produciu na cidade o venres, segundo destacaron en rolda de prensa o Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo.

A treboada que se produciu ó pouco de comezar o Arde Lucus non conseguiu deslucir a festa. De feito, aínda que houbo que aprazar algúns dos actos do venres, e diminiu a afluencia de xente ese días nas rúas, as cifras de participantes na festa este ano foron iguais ou algo superiores ás do ano pasado. O impacto económico do Arde Lucus 2010 calcúlase nuns dez millóns de euros coa conseguinte repercusión no comercio e a hostalería, especialmente importante nun momento de dificultades económicas.

Na rolda de prensa, o Alcalde destacou que “estas festas teñen un gran retorno económico para a cidade, tanto no comercio, como na restauración e para a proxección de Lugo no exterior”.

O Alcalde e a Concelleira de Xuventude agradeceron esta mañá a contribución que fixeron para este novo éxito da festa ás asociacións que participaron nos numerosos actos nos tres días que durou o Arde Lucus. Tamén agradeceron a difusión que lle deron os medios de comunicación e o apoio que prestaron, un ano máis, os patrocinadores.

O Alcalde lembrou que este ano o Arde Lucus tivo como leit motiv o Lugo10 e tamén festexou o décimo aniversario da proclamación da Muralla como Patrimonio Mundial porque se trata tanto de “resaltar o pasado como de construír o futuro”.

Tamén manifestou o Alcalde que non se deben facer comparacións entre o Arde Lucus e o San Froilán porque “non podemos querer máis a papá ou a mamá”. “Son dúas festas que non teñen comparación e ningunha fai desmerecer á outra”.

A Concelleira de Xuventude salientou que “o balance foi moi positivo”. No mesmo sentido se pronunciaron, segundo dixo Rosana Rielo, os titulares dos 67 postos do Macellum. En canto ás actividade que tiveron máis acollida popular, foron o Circo romano, o Equites, o Danzarium e o desfile de colexios no que participaron máis de 1.400 nenos, pais e profesores. En total celebráronse máis de duascentas actividades nos tres días que durou a festa.


Rielo explicou que nas xornadas do venres e o sábado instalouse un stand de Lugo10 na porta do Concello, na que se recolleron arredor de 800 firmas tanto de lucenses como de persoas chegadas do resto de Galicia e de España e do estranxeiro. Así asinaron nos libros de firmas persoas chegadas, entre outros puntos, de Celanova, Ferrol, Pontevedra, A Coruña, Asturias, Madrid, Barcelona, Mallorca, Santander, e ata Venezuela.

Outra novidade este ano, foi a repercusión que tivo a festa nas redes sociais, que aínda continúa pasada a celebración. Nestes días publicáronse na rede fotos, vídeos, e comentarios en tempo real de xeito que compartiron a experiencia tanto os que puideron vivilo nas rúas de Lugo como os que non tiveron a oportunidade de achegarse á cidade pero souberon do que ocorría por vía telemática.

Rielo indicou que grazas ó “apoio e participación da cidadanía e dos visitantes na intensa programación organizada polo Concello, o Arde Lucus volveu ser unha das mellores festas de España, un ano máis”.

Outro dato que dá idea da dimensión que acadou a festa foron as arredor de 245 toneladas de lixo que recolleu Urbaser das rúas da cidade dende o pasado venres que supoñen unhas 30 máis que ano pasado.

A Concelleira de Xuventude manifestou, ademais que agora toca “comezar a traballar no Arde Lucus do 2011, que será o décimo aniversario da festa”.

www.ardelucus.com

www.lugo10.es

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova