O Concello avalía este luns as perdas causadas pola treboada que caeu na cidade o pasado venres.
O Alcalde, José López Orozco, anunciou que “por vía de urxencia vaise buscar o xeito de solucionar o problema que se produciu en Fingoi”. E tamén se vai estudar o ocorrido na zona da fonte dos Ranchos.
O Alcalde salientou que os servizos de Meteoroloxía consideraron excepcional a treboada que se rexistrou este venres e sinalou que aínda así “penso que se actuou con rapidez”. López Orozco explicou que tan pronto comezou a treboada constituíuse un gabinete de crise que dirixiu el mesmo e no que participaron os concelleiros para organizar o dispositivo que lle fixo fronte á situación.
O Alcalde agradeceu ós servizos do Concello e ás empresas que traballan para a institución o labor que levaron a cabo para diminuír o impacto da tromba de auga.
Consorcio de Seguros
A Concellería de Réxime Interior e Protección da Comunidade facilitou a seguinte información de interese para os cidadáns afectados pola tormenta de chuvia e saraiba:
O Consorcio de Compensación de Seguros, dependente do Ministerio de Economía e Facenda, indica que non é necesario agardar á peritación dos técnicos do Consorcio pero si convén fotografar os danos e, se é posible, gardar os materiais danados.
Existe un teléfono de información do Consorcio para obter máis información:
902 22 26 65 en horario de luns a venres de 09.00 a 18.00 .
Tamén se pode acceder á información a través da páxina web http://www.consorseguros.es/web/guest/a_td