Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O ALCALDE PÍDELLE Á XUNTA QUE AXILICE A APERTURA DO NOVO HOSPITAL


# Martes, 29/06/2010
López Orozco interveu na presentación do novo hospital Lucus Augusti que terá 869 camas

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, pediulle á Xunta que se axilice a apertura do novo hospital para que “os que necesiten del poidan dispor o antes posible” das novas instalacións que foron presentadas hoxe.

O Alcalde acompañou no acto de presentación ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e á Conselleira de Sanidade, Pilar Farja. Tamén estivo presente o Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez.

Na súa intervención, José López Orozco sinalou que a cidade de Lugo contribuíu a esta infraestrutura con máis de sete millóns de euros, ademais de facilitar a parcela para a construción do novo hospital. Ó respecto sinalou que “o hospital beneficia á cidade e ó conxunto da provincia e por iso paga a pena o esforzo que fixeron os veciños”.

Lembrou tamén o Alcalde que neste proxecto traballaron tres Gobernos da Xunta, os presididos por Manuel Fraga, Emilio Pérez Touriño e, agora, Alberto Núñez Feijóo.
O Alcalde amosou o agradecemento da cidade pola construción da nova infraestrutura sanitaria pero amosou o seu desexo de “que se faga o posible para axilizar os prazos de xeito que os que necesiten do hospital poidan ter este servizo canto antes”. “Que se faga o posible para que no menor tempo poidan estar aquí os enfermos e os profesionais”.

O Alcalde tamén amosou a súa preocupación polo traslado do Centro de Especialidades da praza do Ferrol porque estas instalacións, dixo, contribúen a atraer xente ó centro da cidade “e un centro histórico sen persoas non ten vida”.

Ademais, López Orozco reclamoulle á Xunta que se lle dea un uso socio-sanitario ó antigo hospital “que hoxe quedou obsoleto como demostra o que sucedeu o venres” en alusión ós efectos que causou nel a treboada do día 25. O Alcalde lembrou que “o barrio naceu e desenvolveuse ao redor do hospital e sería bo negociar coa Tesorería da Seguridade Social para que a Xunta quedara cos terreos dándolles un uso sociosanitario”.

O novo hospital ten 166.000 metros cadrados de superficie, disporá de 869 camas -o 42% delas en habitacións individuais- e 19 quirófanos. Tamén estará dotado coas tecnoloxías necesarias para que “non haxa que saír da provincia para atender patoloxías oncolóxicas”, segundo destacou o Presidente da Xunta.

Alberto Núñez Feijóo engadiu que o único que resta por facer é a instalación do equipamento tecnolóxico. Segundo anunciou, este traballo farase durante o verán e o traslado levarase a cabo en tres ou catro semanas.

Feijóo tamén asegurou que a construción do novo hospital Lucus Augusti “é un acto de xustiza cos lucenses”.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova