Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O CONCELLO COLABORA NO CUARTO CICLO "ENTRE LUSCO E FUSCO" QUE TRAERÁ A LUGO A UXÍA SENLLE E IVÁN FERREIRO


# Mércores, 07/07/2010


Imaxe Asociada
Os artistas Uxía Senlle e Iván Ferreiro serán os protagonistas da cuarta edición do ciclo de concertos ‘Entre Lusco e Fusco’ que se desenvolverá en Lugo os mércores 14 e 21 de xullo ao amparo do convenio Lugo Cultural.

Estes recitais terán lugar ás 21:00 horas no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro, xa que un dos obxectivos principais deste ciclo musical é promover a recuperación de zonas naturais como espazos escénicos. En caso de choiva, as actuacións trasladaranse ao Auditorio Gustavo Freire.

A nova edición de ‘Entre Lusco e Fusco’ presentárona a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, os Vicerreitores de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Francisco Javier Garbayo Montabes; e de Coordinación e Planificación do campus lugués, Pedro García Herradón; a xefa do Servizo de Cultura da Xunta de Galicia, Silvia Cereijo; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga, e o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.

Ao acto asistiu tamén Uxía Senlle, que agradeceu a oportunidade de participar nesta actividade que permitirá achegar ao público o seu traballo dende un escenario privilexiado da cidade.

Uxía Senlle
A intérprete de Mos actuará en Lugo o mércores 14 de xullo ás 21:00 horas. No seu concerto, Uxía presentará os temas fundamentais da súa discografía co seu proxecto máis íntimo e persoal, Uxía Trío, no que conta co acompañamento musical das guitarras de Sergio Tannus e Alejandro Luzardo.

Neste recital escoitaranse tamén versións dos temas máis representativos dos seus vintecinco anos de carreira xunto a algunhas sorpresas e novidades. Uxía reivindica a proximidade co público con concertos nos que cantar ao oído da xente e facer que participe e respire con ela as súas melodías e letras favoritas.

Iván Ferreiro
O cantante vigués Iván Ferreiro presentará na capital luguesa o seu terceiro disco en solitario, Picnic Extraterrestre, unha obra penetrante e dominada pola intensidade emocional e os climas musicais e á que sobrevoa unha certa sensación de catarse. Será cun concerto acústico, o mércores 21 de xullo ás 21:00 horas.

Con vinte anos de traxectoria musical dende que comezara xunto a Los Piratas, Iván Ferreiro combina no seu novo traballo a mellor tradición pop coa investigación e a innovación constante para falar do pracer e da dor, da vida en definitiva.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova