Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Música chegada de Noruega no segundo concerto do Festival Via Stellae en Lugo


# Martes, 13/07/2010
Será o debut en Galicia dunha das grandes orquestras de cámara do mundo, os Trondheim Soloists, e da trompetista Tine Thing Helseth

Mañá terá lugar o segundo concerto do V Festival Via Stellae que organizan a Concellería de Cultura, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Consellería de Cultura. A cita é no Círculo das Artes ás 20:30.

Será un concerto con sabor noruegués e suporá o debut en Galicia dunha das máis reputadas orquestras de cámara europeas europea, os Trondheim Soloists.

O programa comeza cunha das especialidades desta orquestra, o seu compatriota Edvard Grieg, de quen interpretarán a fermosa Suite Holberg, unha composición inspirada nas danzas barrocas.

Outro dos alicientes deste concerto é a presencia como solista da nova trompetista norueguesa Tine Thin Helseth, que será a protagonista da estrea en España da Elexía para trompeta doutro compositor noruegués, de Rolf Wallin, e ademais descubriranos o Concerto para trompeta do practicamente descoñecido compositor bohemio Jan Neruda.

Completa o programa a música de Tchaikovski co seu emocionante Souvenir de Florencia composto polo gran compositor ruso hai 120 anos.

Cun promedio de idade por debaixo de 30 anos, os Trondheim Soloists son unha versátil agrupación que imprime moita intensidade a cada un dos seus concertos e interpretacións. Fundada hai 22 anos é ademais unha das grandes embaixadoras culturais da súa cidade e do seu país e atesoura unha rica discografía con máis de vintecinco gravacións.

Tine Thing Helseth é unha das artistas máis prometedoras do seu pais e unha trompetista que está chamada a se converter nunha gran figura. Nada hai só 23 anos e galardoada en múltiples concursos e con incontables actuacións por todo mundo, é unha artista dun extraordinario talento, cun extenso e variado repertorio.

A entrada é libre ata completar o aforo do local.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova