Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concelleiro de Infraestruturas aclara que as obras nas travesías fixéronse grazas ó convenio que asinou Orozco co Ministerio de Fomento


# Mércores, 14/07/2010


Imaxe Asociada
O Goberno municipal presidido por José López Orozco foi quen conseguiu o financiamento para facer as travesías das antigas nacionais, redactou os proxectos e fixo as obras, segundo aclarou hoxe o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro.

Piñeiro explicou en rolda de prensa que foi o actual Alcalde quen logrou sacar adiante estes proxectos en resposta ó candidato á Alcaldía do Partido Popular, Jaime Castiñeira.

O Concelleiro de Infraestruturas relatou que no ano 1997 o Partido Popular asinou un convenio co Ministerio de Fomento por importe de 1.500 millóns das antigas pesetas, o equivalente a 9.000 euros. Dous anos despois, cando chegou á Alcaldía José López Orozco só había feito un proxecto, o da avenida da Coruña, que “era o único en execución”, segundo detallou Piñeiro. “E foi o equipo de Orozco quen fixo o resto das travesías: Carlos Azcárraga, antiga Carreteira de Santiago, Ronda da Muralla, San Roque, avenida de Madrid e avenida das Américas” sinalou o Concelleiro. Engadiu ademais que “o 9 de outubro de 2004 este Goberno asinou un novo acordo co Ministerio de Fomento porque o primeiro non era dabondo”. Ese protocolo supuxo unha achega do Ministerio de 10,2 millóns de euros para as travesías e 3,8 millóns para o pago de expropiacións dos terreos necesarios para desdobrar a avenida de Madrid.

O Concelleiro de Infraestruturas recalcou que cando López Orozco chegou á Alcaldía o que había era “un convenio malo” e “foi este equipo de Goberno quen fixo os proxectos e conseguiu un novo convenio”. Piñeiro asegurou que todos estes datos son “comprobables, porque está documentado cando se adxudicaron as obras e cando se licitaron”.

A maiores, o responsable municipal de Infraestruturas indicou que o PP reurbanizou 15 rúas do casco histórico “non 70” e destacou que “no casco histórico non hai 70 rúas” e lembrou que o Goberno de López Orozco “tivo que adicar 545.000 euros a refacer as obras que deixaron mal feitas”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova