Imprimir

O CONCELLO HABILITARÁ UN ESTACIONAMENTO GRATUÍTO NO NOVO HOSPITAL SE A XUNTA MANTÉN A SÚA INTENCIÓN DE COBRAR POR APARCAR


15/7/2010

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou hoxe que o Concello estuda adicar un terreo da súa propiedade en San Cibrao a estacionamento gratuíto de vehículos, se a Xunta non rectifica a súa intención de cobrar por aparcar no novo Hospital.

O Alcalde explicou que o Concello dispón dun terreo duns 8.000 metros cadrados na zona e ten intención de poñelo a disposición dos lucenses que necesiten acudir ó novo Hospital para que non teñan que pagar por aparcar, como pretende a Consellería de Sanidade.

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a licitación do aparcamento no novo Hospital de Lugo “nuns terreos que cedeu o Concello gratuitamente e a Xunta non ten o detalle de permitir que se poida aparcar gratis”, segundo indicou o Alcalde. Por este motivo, López Orozco anunciou que “se a Xunta de Galicia non rectifica, nós poñeremos un espazo aproximado de 8.000 metros cadrados para que sirva de aparcadoiro para os veciños, os enfermos e os familiares que vaian ó hospital”.

“Será totalmente gratuíto e estará vixiado” asegurou o Alcalde que tamén lembrou que tamén será de balde o estacionamento nos terreos que están nos viais perimetrais que son propiedade do Concello.