Imprimir

O ALCALDE DÁ A BENVIDA A LUGO ÓS PARTICIPANTES NA CONFERENCIA DE HAITÍ QUE TERÁ LUGAR NA CIDADE ESTA FIN DE SEMANA


16/7/2010 López Orozco desexa que o encontro valia para que o pobo haitiano se recupere da traxedia do terremoto

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, desexoulle éxito á Conferencia Europea para a reconstrución e a estabilización de Haití, que foi presentada esta tarde nunha rolda de prensa no Pazo de Feiras e Congresos, onde terá lugar o encontro durante esta fin de semana.

O Alcalde agradeceu a elección de Lugo para a celebración deste cumio e expresou o seu desexo de que a reunión de Lugo sexa “un aldabonazo para que todas cidades e todos os pobos do mundo sigan a marcha solidaria que se produciu cando Haití sufriu o terremoto de xaneiro”. “Nada me gustaría máis que a partir do domingo todos os pobos e gobernos sigamos empurrando con forza para que os haitianos non perdan a esperanza”, apuntou López Orozco, e resaltou que o pobo de Haití demostrou na traxedia do terremoto a súa dignidade.

Na súa intervención, López Orozco indicou tamén que unha cidade como Lugo, cos seus 2.000 anos de historia, sabe ben “de dolor e de alegrías”. Tamén indicou que a nosa Muralla, que celebra os dez anos da súa declaración como Patrimonio Mundial, “ábrese a todos os homes, razas e colores”.

David Balsa, o Presidente da Conferencia Eurocentroamericana que organiza este cumio agradeceu a hospitalidade de Lugo e sinalou que ademais de facer balance os participantes no encontro traballarán no deseño de estratexias para sacar adiante o país e enumerou os sectores como o turístico nos que Haití ten máis potencialidades.

O Ministro de Turismo de Haití, Patrick Delatour, salientou a necesidade dun plan para afrontar a reconstrución do país no que, seis meses despois do terremoto, aínda hai un millón duascentas cincuenta mil persoas sen vivenda.

Do desafío que supón a reconstrución de Haití falou tamén o enviado especial da OEA Ricardo Seitenfus quen indicou que neste pobo “afeito a vivir ó límite hai moita concentración de dolor, dignidade e coraxe”. Destacou que Haití foi o primeiro pobo que aboliu a escravitude e considerou iguais a todos os homes e dixo que “a Humanidade ten unha débeda con este país e seis meses despois preguntámonos onde vai agora Haití”.

Na presentación da Conferencia tamén interviñeron o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe; o enviado especial do Banco Mundial Alexander Abrantes, o Vicepresidente do Parlamento Centroamericano, Sebastián Brito; e o representante do Goberno dominicano Rubén Silie.

A xornada previa ó comezo da Conferencia remata cunha recepción que vai ofrecer o Concello de Lugo ós participantes na xuntanza, que presidirá o Alcalde ás oito da tarde no Salón de plenos.

A sesión oficial de apertura da Conferencia terá lugar o sábado, ás 11.00.