Cargando....
Concello de Lugo
16/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Inaugurada en Lugo a Conferencia Europea para a reconstrución de Haití


# Luns, 19/07/2010


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, interveu esta mañá na sesión de apertura da Conferencia Europea para a reconstrución e estabilización de Haití, que se celebra durante a fin de semana no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

O Alcalde instou ós participantes neste cumio, no que están representados gobernos e organismos internacionais de Europa e América, a “pasar das palabras ós feitos”. “Confío en que esta Conferencia non quede en meras palabras senón que se acorden accións concretas para que o pobo de Haití progrese e se desenvolva” dixo o Alcalde, quen considerou que “é o momento da acción”. López Orozco falou da necesidade de dar apoio ás institucións para que esa cooperación logre que os cidadáns de Haití poidan confiar nas súas institucións porque, dixo o Alcalde “é o momento da reconstrución e tamén do desenrolo da democracia, que é a mellor maneira de garantir a convivencia”.

Ademais o Alcalde salientou a presenza de empresas neste foro xa que “son imprescindibles para a reconstrución, pero non deben marchar cando acaben ese traballo senón que tamén deben contribuír, posteriormente, ó desenvolvemento do tecido social”.

Rematou a súa intervención López Orozco desexando que este cumio non acabe“unha vez máis con decisións só teóricas para que Haití teña o que merece como pobo, vivir con dignidade que é algo ó que todos temos dereito”.

Na sesión inaugural da Conferencia interveu tamén o enviado especial da OEA, o diplomático brasileiro Ricarto Seitenfus, quen destacou que é urxente limpar de cascallos a cidade de Porto Príncipe. Seitenfus explicou que aínda hai orredor de 1.300.000 persoas sen vivenda tralo terremoto de xaneiro e a retirada de cascallos que leva feito o Goberno haitiano “é insuficiente por falta de recursos financeiros e técnicos, xa que carece de maquinaria”. Asegurou que ese traballo é urxente porque a este ritmo “pode levar seis anos acabar e non se pode imaxinar que 1.300.000 persoas sigan nas rúas durante ese tempo”. O representante da OEA dixo que “é imprescindible poñer a disposición do Goberno haitiano maquinaria para limpar a cidade co que sería posible facer a limpeza da cidade en seis meses”.

A Conferencia europea de Reconstrución e Estabilización de Haití, que rematará o domingo a mediodía, ten o patrocinio da UE, o Parlamento Centroaméricano, os Gobernos de España, Haití e a República Dominicana, ademais doutros organismos internacionais como a OEA e o Banco Mundial. Nela participan tamén diplomáticos de distintos países europeos.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova