Imprimir

O CONCELLO AFORRARÁ 200.000 EUROS COA RENOVACIÓN DAS IMPRESORAS DOS SERVIZOS MUNICIPAIS


20/7/2010

O Concello vai aforrar 200.000 euros en catro anos coas novas impresoras que se instalarán nos servizos municipais, segundo anunciou hoxe a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela.

A Concelleira explicou que o concurso para a renovación do parque de impresoras fará posible que a administración local aforre 198.848 euros en catro anos, o que supón un aforro do 48%.

O concurso suporá un gasto anual de 53.000 euros anuais, fronte ós 103.212 actuais. En catro anos o total do gasto na maquinaria, o mantemento e as copias calculase en 214.000 euros cando na actualidade era de 412.848.

A empresa Macrocopia será a encargada de substituír 153 equipos por outros máis modernos e con mellores prestacións. Todos os equipos imprimen por dúas caras de xeito que se calcula que o Concello aforrará un millón de folios dos tres millóns que consume ó ano.

Outras vantaxes dos novos equipos de impresoras, segundo informou Luisa Zarzuela, será a eliminación dos faxes porque a maioría disporán de multifunción, e a monitorización de xeito que se poderá obter información do número de copias que fai cada máquina e será posible establecerlles un límite.

Tarxeta cidadá

A Concelleira de Asuntos Xerais tamén indicou que o Concello de Lugo “está facendo un esforzo moi grande na incorporación das novas tecnoloxías, de feito foi o primeiro Concello en ter un rexistro telemático”.

Luisa Zarzuela ironizou coas críticas do Partido Popular ó uso das novas tecnoloxías por parte do Concello de Lugo e lembrou que precisamente os concellos gobernados polo PP renunciaron a incorporarse ó proxecto InnovaTE que leva a cabo a Deputación provincial para a incorporación das novas tecnoloxías nos concellos da provincia de Lugo.

Tamén explicou a Concelleira de Asuntos Xerais que a posta en marcha da tarxeta cidadá vese afectada por unha petición que lle fixo a Xunta de Galicia ó Concello. A Xunta pediu “hai un par de meses que se dea preferencia ó deseño da tarxeta do transporte metropolitano” e o Concello accedeu a esa solicitude de colaboración que lle fixo o Goberno galego.