Imprimir

O TREN TURÍSTICO QUE CIRCULA DESDE O CENTRO DA CIDADE ATA O RÍO MIÑO COMEZOU FUNCIONAR ESTA TARDE


21/7/2010 Presentouno hoxe o Concelleiro de Turismo e vai funcionar durante todo o verán

O Concelleiro de Turismo e Deportes, José Manuel Díaz Grandío, presentou hoxe o tren turístico de Lugo, una iniciativa que ten o obxectivo de “ofrecer novas alternativas ás persoas que nos visitan para coñecer tanto o casco histórico como o río Miño”.

O Concelleiro explicou que se trata dun complemento turístico da oferta que ten a cidade e sinalou que “agardamos que sexa ben recibido tanto polos turistas como polos veciños de Lugo que terán a oportunidade de visitar a cidade e achegarse ó río doutro xeito”.

Díaz Grandío informou de que o condutor levará un acompañante que dará explicacións en distintos idiomas sobre os monumentos, lugares de interese e a historia da cidade. Tamén aproveitou a presentación deste vehículo para animar a todos os visitantes e lucenses a subir nel para coñecer a cidade desde outro punto de vista.

O Concelleiro anunciou que o tren turístico estará operativo durante o verán e aproveitarase como experiencia piloto para valorar se o ano que vén se amplía o período de funcionamento.

O tren turístico, que dispón de 50 prazas, comezou funcionar esta tarde. O seu percorrido durará aproximadamente unha hora. Funcionará todas as tardes de martes a domingo, inclusive, con horario de 17.00 a 22.00 horas. Ás horas en punto sairá do tramo peonil da Muralla, á altura da Porta do Campo Castelo e ás e media sairá da zona dos Robles.

A tarifa será semellante a establecida noutros lugares onde funcionan este tipo de trens turísticos: 3,5 euros para os adultos, 3 euros para usuarios de 4 a 16 anos e será de balde para os nenos menores de 4 anos.

Máis información