Imprimir

O CONCELLO DE LUGO XA DISPÓN DAS NOVAS CANCELADORAS QUE FUNCIONARÁN NO TRANSPORTE METROPOLITANO


26/7/2010

O Concello de Lugo xa conta coas novas canceladoras que se empregarán cando entre en servizo o transporte metropolitano, segundo informou hoxe o Concelleiro de Transportes e Protección da Comunidade, José Rábade.

O Concelleiro dixo que “o noso sistema está preparado para empezar a funcionar no momento” no que se poña en marcha este servizo e indicou que, se a Xunta mantén o seu compromiso, o transporte metropolitano funcionará a partir do Outono, cunha tarxeta que será compatible coas canceladoras que se instalarán nos autobuses urbanos de Lugo.

Segundo indicou José Rábade, “vai haber o transbordo estará subvencionado e haberá unha tarifa zonal para os usuarios dos concellos limítrofes máis Rábade que usen este servizo, que será de 0,71 euros”.

O Concello de Lugo está poñendo en marcha un sistema de canceladoras novo que será compatible coa tarxeta do transporte metropolitano, coa actual tarxeta dos buses urbanos de Lugo e futura tarxeta cidadá. Segundo explicou o Concelleiro, haberá un período transitorio no que se empregará a tarxeta actual dos autobuses urbanos, antes da implantación da tarxeta cidadá.

O Convenio entre o Concello e a Xunta establece as paradas onde poderán facer os transbordos os usuarios do transporte metropolitano que queiran coller os buses urbanos.

A Xunta de goberno do Concello de Lugo aprobou o pasado mércores o convenio ca Xunta para adherirse o plan do transporte metropolitano e o venres celebrouse unha xuntanza dos concellos da bisbarra co Director Xeral de Mobilidade.