Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A campaña de promoción turística da cidade resolverase por procedemento negociado


# Martes, 27/07/2010
O Concelleiro de Turismo explicou que a campaña non pretende captar turismo no verán porque Lugo é máis competitivo noutras estacións como o Outono

O Concelleiro de Turismo, José Manuel Díaz Grandío, anunciou que a Mesa de Contratación do Concello decidiu resolver por procedemento negociado a contratación da campaña de promoción e comercialización turística da cidade. A Mesa de contratación declarou deserto o concurso atendendo á decisión do comité de expertos que valorou as tres ofertas presentadas. Este comité considerou necesario que as empresas fagan unha serie de aclaracións ás ofertas que presentaron.

Díaz Grandío explicou que o obxecto desta convocatoria non é facer unha campaña de verán, de feito “en ningún sitio do pliego pon que o obxecto sexa captar turismo para o verán senón captar turismo para a cidade” e Lugo “precisamente no outono ten moitas cousas que ofrecer, entre outras cousas, unha Festa de interese turístico nacional ou o Outono gastronómico”. “Lugo nunca foi un destino de veraneo senón que ten outros atractivos turísticos que poden resultar de interese precisamente moito máis fóra da época de verán”, sinalou Grandío. E matizou que a campaña de captación de turistas ten de prazo ata o 30 de outubro porque ése é o tempo establecido na subvención que lle concedeu ó Concello a Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Tamén explicou o Concelleiro que o aprazamento na constitución da Empresa municipal de Turismo decidiuse “ante a previsión de orzamentos dos concellos, incluído o de Lugo, teñan unha tendencia á baixa”. “Valorouse que é mellor tomar a decisión cando o Concello teña os novos orzamentos”, indicou Grandío. Tamén precisou que “se o recorte existe, haberá que fixar as prioridades e será cando se decida se a Empresa municipal de Turismo é unha prioridade axustada ós Orzamentos ou hai outras que deban primar sobre ela”.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova