Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta concede para todo o ano 150.000 euros menos do que leva gastado o Concello en seis meses na axuda domiciliaria á dependencia


# Martes, 27/07/2010
En Lugo non hai lista de espera para este servizo, do que se beneficiaron 538 persoas dende xaneiro a xuño

Imaxe Asociada

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, informou hoxe de que a subvención anual que lle concedeu a Xunta ó Concello de Lugo correspondente ó plan concertado da dependencia é de 761.551 euros. Esta cifra é sensiblemente inferior ó gasto que lle supón ó Concello a atención ás persoas dependentes. De feito os Servizos Sociais do Concello xa investiron 912.845 euros no primeiro semestre do ano.

“Cero recursos humanos e mínima contía económica: eso é o que recibimos”, así resumiu Carmen Basadre a colaboración da Xunta de Galicia coa atención ás persoas dependentes de Lugo. Basadre explicou que este ano o Concello solicitou ós Programas de Cooperación da Xunta a contratación de varios traballadores sociais e non se autorizou ningún.

En canto á subvención que lle dá a Xunta ó Concello, Basadre indicou que mentres a media de horas que adican os Servizos Sociais á atención a persoas dependentes é de 45,5, a valoración que fai a Xunta para conceder a subvención é dunha media de 32 horas. E o prezo que paga a Xunta é de 9 euros por persoa e hora cando o contrato vixente coa Cruz Vermella supón un custo por hora de 15,28 e o da nova adxudicataria é de 13,80 euros á hora.

A Concelleira reclamoulle ó Goberno galego “que se axeiten máis os recursos á realidade e unha maior coordinación cos Concellos”. “Cada un organízase como pode, tendo en conta os cartos dos que dispón”, sinalou a responsable municipal de Benestar Social, quen tamén bota en falta que se establezan tarifas unificadas para as empresas que prestan estes servizos.


Non hai lista de espera

No primeiro semestre deste ano o Servizo de Axuda ó Fogar do Concello de Lugo atendeu 538 persoas, tanto dependentes como as que se acollen á prestación de libre concorrencia, e non hai lista de espera xa que o promedio mensual de altas é semellante ás baixas que se producen. No caso das prestacións de libre concorrencia, “estanse mirando ó milímetro as solicitudes porque a atención á dependencia necesita moitas horas de prestación e os recursos son limitados”, segundo indicou a responsable municipal de Benestar Social. Neste sentido, sinalou que se lles está a dar preferencia ás persoas maiores, con escasa autonomía e que carecen de apoio familiar.

A Concelleira salientou que o servizo de axuda no fogar “facilita a permanencia no seu contorno dos usuarios e retarda o seu ingreso nunha institución”. Dixo ademais que os usuarios contribúen a financiar o servizo que se lles presta segundo a súa capacidade económica. O servizo é de balde para quenes non superan o indicador de rentas IPREM que é de 532,51 euros ó mes.

Do total de beneficiarios da axuda domiciliaria, 375 son mulleres e 163 son homes. 468 pertencen ó colectivo de terceira idade, hai 3 familias, 38 persoas con algunha discapacidade e 29 teñen enfermidades crónicas. E 190 viven sós.

Nestes momentos, o Concello préstalles este servizo a 479 persoas, das que 137 son dependentes.

O número total de servizos prestados dende xaneiro a xuño foi de 112.304, nos que se inclúen dende o aseo persoal ata a realización de tarefas básicas no fogar, entre outros.

A Concelleira tamén explicou que actualmente a prestación do servizo corre a cargo da Cruz Vermella que ten prorrogado o contrato ata que se faga cargo del, a primeiros do mes de setembro, a nova adxudicataria.

Carmen Basadre declarou que “aparte da atención que se lle presta ós usuarios, o máis satisfactorio do servizo de axuda no fogar é a creación de emprego xa que preto de 150 persoas traballan na axuda domiciliaria e nos centros de día”.

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova