O Lugo romano estará presente nunha concentración de grupos de recreación histórica que se vai celebrar esta fin de semana na Coruña dentro do programa de festas de María Pita.
Os concelleiros de Turismo, José Manuel Díaz Grandío, e Xuventude, Rosana Rielo, acompañados de directivos da asociación “Cors 3ª Lucense” presentaron hoxe esta iniciativa que ten o apoio de Lugo10.
Os concelleiros explicaron que, deste xeito, Lugo10 aproveita as festas de María Pita e a afluencia de turistas que pasan as vacacións na Coruña para dar a coñecer a nosa cidade e o patrimonio monumental de Lugo, concretamente a Muralla.
Díaz Grandío dixo que se trata de “dar a coñecer a nosa cidade, a través das lexións romanas lucenses que seguro van ser un bó reclamo”.
Lugo10 trasladará ata A Coruña a 40 membros da Cors 3ª, que tamén levarán información turística sobre Lugo.
A Cors 3ª Lucense participará nun desfile que terá lugar o sábado dende o Cantón Grande polo centro da Coruña e a cidade vella ata o Museo Militar onde estarán concentrados e alí teñen previsto lanzar cunha catapulta balóns co logotipo de Lugo10.