Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta o Automóbil de Vixianza Intelixente


# Luns, 09/08/2010
O vehículo é unha das melloras da concesionaria da ORA e usarase para detectar coches roubados, abandonados ou que cometan infraccións no aparcamento 

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Os ingresos do Concello pola ORA medraron máis de un 30% coa nova concesionaria sen aumentar a taxa

A Alcaldesa en funcións, Sonia Méndez, e o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, presentaron hoxe o Automóbil de Vixianza Intelixente (AVI), unha das melloras que ofreceu a nova concesionaria da ORA, que entrará en servizo nuns días en período de proba.

Segundo explicou o Concelleiro José Rábade, “nunha primeira fase o vehículo usaráse para localizar vehículos abandonados, precintados ou roubados, neste último caso en colaboración cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado”. “É unha ferramenta boa para a Policía Local e axudará a xestionar mellor o tráfico”, indicou o responsable municipal de Protección da Comunidade. A tecnoloxía da que dispón tamén se poderá usar no futuro para detectar infraccións nos estacionamentos como aparcar riba da acera ou en prazas reservadas a minusválidos ou garantir a rotación de coches nas zonas ORA.

Lugo súmase así a cidades como Vigo ou A Coruña que xa dispoñen de vehículos semellantes aínda que o da nosa cidade ten a particularidade de ser o primeiro que utiliza tecnoloxía desenvolvida en Galicia, concretamente pola Universidade de Santiago.

O Concelleiro de Protección da Comunidade explicou na presentación que o AVI “foi unha das melloras que ofreceu a nova concesionaria da ORA, que os técnicos avaliaron en 104.000 euros, e funcionará seis meses ó ano tal como establece a concesión”, aínda que inicialmente farao durante doce meses porque o ano pasado non estivo en funcionamento. Outra mellora que ofreceu a empresa concesionaria da ORA foi facilitar cincoenta vallas á Brigada de Sinalización. Rábade tamén explicou que “os vellos parquímetros, que funcionaban coa anterior concesionaria, están embalados e empaquetados no almacén que ten a subasta e sairán a subasta, que non se preocupe por eles o Partido Popular”.



Máis ingresos pola ORA coa mesma taxa

Na presentación desde Automóbil de Vixianza Intelixente, a Alcaldesa en funcións salientou que “esta é unha proba máis de que foi atinada a decisión de sacar a nova licitación o contrato de regulación do sistema ORA xa que se acadaron mellores condicións para o Concello”. Sonia Méndez explicou que “ademáis das melloras que ofreceu a nova concesionaria e o cambio de toda a maquinaria sen custo algún para o Concello, a pesar das declaracións que fixo o PP, tamén medraron os ingresos que obtén o Concello por esta concesión”. “Sen ter aumentado as taxas e a presión recaudatoria, os ingresos para o Concello aumentaron en 36.000 euros máis, o que supón máis dun 30% de aumento do que o Concello ingresaba ca anterior concesionaria”, informou Méndez. Neste sentido, a Alcaldesa en funcións considerou que “esto demostra o exitoso que é o control sobre as concesións que mantén o Goberno local”.

Dispositivos tecnolóxicos

O chamado Automóbil de Vixianza Intelixente (AVI) é un vehículo dotado coa tecnoloxía acaída para a realización de diversas misións relacionadas tanto co tráfico como coa seguridade. Este coche está dotado con sistemas e tecnoloxías que permiten a captura de imaxes de vehículos e os seus contornos, a lectura de matrículas, a localización de vehículos, tamén procesa e almacena os datos capturados e pode enviar a información a un Centro de Control.

O equipamento que leva o AVI consiste nos seguintes dispositivos:

- sistema informático que permite visualizar, procesar, almacenar e realizar diversas operacións cos datos.

- sistema de captura de imaxe composto por cámaras de vídeo, posicionadores e outros elementos que permiten a captura de imaxes con tecnoloxías de captura de imaxe visible e infrarroxa para operar de día e de noite, e dun software de lectura automática de matrículas así como de posicionadores robotizados das cámaras de video.

- sistema de localización que permite localizar na rúa o vehículo fotografado coa exactitude necesaria que requiren as diversas misións para as que foi desenvolvido. Emprega posicionamento por satélites GPS e outros elementos auxiliares (xiróscopo, odómetro) para o cálculo da posición. A localización faise mediante cartografía vectorial que inclúe nomes de rúas e números de portal.

- sistema de comunicacións, constituído por equipos de comunicacións móbiles que permiten enviar a información ó Centro de Control. Pode empregar comunicacións vía GPRS usando as redes de telefonía móbil ou vía wifi.

Estas tecnoloxías fan que o AVI poida adicarse ó control do tráfico e a mellorar a súa fluidez nas principais arterias urbanas mediante accións como:

-control da rotación do estacionamento en zona ORA
-localización de vehículos roubados
-localización de vehículos para precintar
-localización de vehículos abandonados
-control de estacionamento em paradas de servizo público e carril bus
-doble fila em vías de comunicación principais
-estacionamento indiscriminado de vehículos no contorno de centros escolares
-actualización do rueiro


Peonalización de San Marcos

A Alcaldesa en funcións tamén anunciou que a Xunta de Goberno ten previsto aprobar este mércores a contratación das obras de peonalización da rúa San Marcos co que se abre o procedemento de adxudicación “desta obra tan importante para a cidade que convertirá a rúa San Marcos nunha verdadeira praza”. O comezo das obras está previsto para finais de outubro ou primeiros de novembro”. 
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova