Cargando....
Concello de Lugo
21/05/22
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo 10 facilítalles ós hostaleiros un plano da cidade para que o poidan entregar ós seus clientes


# Martes, 10/08/2010
Aberto, ata o día 20, o prazo de inscripción para o Concurso de Tapas que tamén presentaron hoxe o Concello e a Asociación de Hostaleiros

Imaxe Asociada
O número de turistras medrou máis do 25% este mes de xullo

Lugo10 colabora ca Asociación Provincial de Hostaleiros coa edición dun plano guía da cidade que o Concello lles vai facilitar ós Hostaleiros para que poidan facilitarllos ós seus clientes.

Esta iniciativa foi presentada hoxe polo Concelleiro de Turismo e Deportes, José Manuel Díaz Grandío, e o presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros, Cheché Real, que tamén deron a coñecer a convocatoria do 6º Concurso de Tapas.

Segundo explicou o Concelleiro, a edición dos planos guía da cidade “dá satisfacción a unha reivindicación do sector que disporá agora dun plano guía cómodo e práctico para entregarllos ós turistas nas recepcións dos hoteis”.

Grandío dixo que a primeira tirada que se fixo foi de 15.000 planos e que se optou por non imprimir un número demasiado elevado “para que calqueira novidade se poida incorporando e telo así o máis actualizado posible”.

O Concelleiro de Turismo tamán indicou que no mes de xullo a cidade recibiu 5.260 visitas de turistas, o que supón un aumento superior ó 25% respecto ó ano pasado. O presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería cifrou a ocupación hoteleira na cidade de Lugo nun 72% e no conxunto da provincia narredor dun 71%.

Os planos xa están a disposición dos empresarios do sector tanto nas oficinas de turismo do Concello como nas da Asociación Provincial de Hostaleiros que tamén os facilitará ás súas delegacións na Mariña e o sur da provincia.


Concurso de tapas

José Manuel Díaz Grandío e Cheché Real tamén presentaron o 6º Concurso de Tapas, convocado polo Concello, que se vai celebrar do 11 ó 26 de setembro. O prazo de inscripción está aberto desde hoxe ata o día 20 de agosto. Cada establecemento deberá elaborar unha tapa e pode facelo nas modalidades creativa e tradicional.

As bases do concurso son as seguintes:

1. PARTICIPACIÓN:
Concursarán os establecementos de hostalería do ámbito municipal de Lugo, previa inscrición e solicitude da modalidade de colaboración, entre o 10 e o 20 de agosto e depósito da cantidade de 30 €, en concepto de fianza. A fianza devolverase mediante transferencia bancaria o 6 de outubro de 2010.

2. MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN:
Cada establecemento deberá elaborar unha tapa podendo ser creativa ou tradicional. Unicamente se poderá concursar nunha modalidade de tapa creativa ou tradicional, como máximo haberá 20 participantes en cada unha destas modalidades. Haberá un total de 40 participantes no concurso. Terán máis posibilidades de elixir a categoría se se inscriben no certame durante os primeiros días do prazo.
As tapas serán elaboradas con produtos de calidade da nosa terra podendo tratarse de maneira tradicional ou ofrecendo unha cociña de novas tendencias sempre mantendo as materias primas da nosa gastronomía.

3. PREMIOS:
Establécense 7 premios en total:

3.1. Premios de votación popular:
- TAPA CREATIVA SAN FROILÁN
- TAPA TRADICIONAL SAN FROILÁN
Decidiraos o público que visite o establecemento. Votará vía internet accedendo ás páxinas web www.lugo.es ou www.lugoturismo.com ou a través dos cupóns que se inserirán nas urnas situadas nos establecementos participantes. Únicamente se admitirá un voto por persoa para cada establecemento, non se admitirán tarxetas de votación sen o DNI. Entre todos os cupóns depositados nas urnas e votos recibidos por Internet sortearase unha cesta de produtos típicos da gastronomía lucense.
Os consumidores das tapas atoparán nos establecementos o plano da ruta do tapeo, no reverso do plano aparecerá un recadro por cada establecemento participante. O cliente que consiga polo menos 12 recadros selados dos diferentes establecementos poderá participar no sorteo de agasallos (por decidir en función dos patrocinios)
O plano da ruta do tapeo debidamente selado (mín. 12 selos), depositarase nas urnas de calquera dos establecementos participantes. Entre os planos admitidos a concurso (mín. 12 selos) sortearanse os agasallos.
Ademais da tapa creativa San Froilán e da tapa tradicional San Froilán, o público decidirá cos seus votos os 30 establecementos semifinalistas que optarán a conseguir os premios de votación polo xurado.
O sistema do reconto dos votos emitidos polo público (internet e cupóns depositados nas urnas), farase mediante a suma de todos os puntos obtidos polo establecemento e dividirase polo número de papeletas válidas depositadas na urna, admitíndose só un voto por cada tapa, é dicir, un único voto por cliente e tapa.

3.2. Premios de votación polo xurado:
1 º PREMIO DE TAPA CREATIVA
2º PREMIO DE TAPA CREATIVA
1º PREMIO DE TAPA TRADICIONAL
2º PREMIO DE TAPA TRADICIONAL
PREMIO Á TAPA QUE MELLOR MARIDE CO VIÑO DA D.O. RIBEIRA SACRA OU QUE MELLOR USE ESE VIÑO COMO INGREDIENTE.
Un xurado designado pola organización e o Concello de Lugo degustará a tapa participante e emitirá o seu voto para cada unha. O xurado valorará de 0 a 7 puntos o seguinte: presentación, elaboración, sabor e relación calidade-prezo.
Os 5 premios de votación polo xurado decidiranse do seguinte xeito:

XURADO DE FINALISTAS: Levará a cabo a selección dos 8 finalistas os días 29 e 30 de setembro.
Os integrantes do xurado de finalistas encargaranse de seleccionar as 8 tapas que pasarán á final. Durante estes dous días os 30 establecementos semifinalistas no concurso presentarán as súas tapas no Gran Hotel de Lugo, e serán degustadas polo xurado nomeado polo Concello de Lugo.

- Mércores 29 de setembro: o xurado de finalistas votará as tapas da modalidade creativa dos 15 establecementos participantes nesta categoría e seleccionará a 4 finalistas.
- Xoves 30 de setembro: o xurado de finalistas votará as tapas da modalidade tradicional dos 15 establecementos participantes nesta categoría e seleccionará a 4 finalistas.

Esixirase aos participantes que se respecte rigorosamente o tempo dado pola organización para a presentación da tapa ao xurado. Será descualificado o candidato que supere en 10 minutos o tempo previsto. As tapas presentaránse seguindo o orde alfabético do nome do establecemento participante.
XURADO DE EXPERTOS (elixirá aos 5 gañadores).A selección dos 5 gañadores e final do concurso será o día 1 de outubro. O xurado de expertos percorrerá os establecementos finalistas para elixir os 5 gañadores:
- 1º premio de tapa creativa
- 2º premio de tapa creativa
- 1º premio de tapa tradicional
- 2º premio de tapa tradicional.
- premio á tapa que mellor maride co viño da D.O Ribeira Sacra ou que mellor use ese viño como ingrediente.

Avisarase oportunamente a cada establecemento, para que teñan a tapa preparada e poidan recibir ao xurado na hora e data indicada. O percorrido farase pola mañá.

4. FASES DO CONCURSO:
Duración do Concurso: do sábado 11 de Setembro ata o domingo 26 incluídos. Os establecementos inscritos deberán ter expedida ao público a tapa coa que participan. As tapas deberán estar dispoñibles para o público en cantidade suficiente desde as 13:00 ata as 15:30 horas e desde as 20:00 ata as 22:30 horas. Se algún usuario presenta unha reclamación por escrito por non estar dispoñible a tapa, o participante será descualificado.
O prezo da tapa estará comprendido entre 1 e 3 euros. O custe- escandallo (custe final) da tapa especificarase nunca ficha técnica para a organización e non superará o P.V.P da tapa. A organización supervisará que se está procedendo ao cobro da tapa en todos os establecementos participantes a través de visitas aos mesmos, o incumprimento dese requisito suporá a descualificación dese establecemento.
A cada participante entregaráselle un cartel no que aparecerá o nome do establecemento e o nome da tapa coa que concursa, unha urna e tarxetas para que os clientes poidan emitir o seu voto, así como o plano da ruta do tapeo, que colocarán en lugar visible.
Entrega de urnas e reconto de votos: A data límite para a entrega de urnas serán as 11:00 horas do luns 27 de setembro, na concellería de cultura e turismo do concello de Lugo (situada na praza Maior, nº 1). Non se recollerá ninguna urna fóra deste horario, os establecementos que non a entreguen no lugar e hora indicado quedarán descalificados.
Do reconto de votos depositados nas urnas sairán os premios de votación popular: a tapa creativa San Froilán e a tapa tradicional San Froilán e os 30 establecementos que pasarán á semifinal.
Selección de finalistas: Os días 29 e 30 de setembro.
Os integrantes do xurado de finalistas encargaranse de seleccionar as 8 tapas que pasarán á final. Durante estes dous días os 30 establecementos semifinalistas no concurso presentarán as súas tapas que serán degustadas polo xurado nomeado polo Concello de Lugo:
- Mércores 29 de setembro: o xurado de finalistas votará as tapas da modalidade creativa dos 15 establecementos participantes nesta categoría e seleccionará a 4 finalistas.
- Xoves 30 de setembro: o xurado de finalistas votará as tapas da modalidade tradicional dos 15 establecementos participantes nesta categoría e seleccionará a 4 finalistas.
Selección de gañadores e final do concurso: día 1 de outubro, o xurado de expertos percorrerá os 8 establecementos finalistas para elixir os 5 gañadores:
- 1º premio de tapa creativa
- 2º premio de tapa creativa
- 1º premio de tapa tradicional
- 2º premio de tapa tradicional
- premio á tapa que mellor maride co viño da D.O Ribeira Sacra ou que mellor use ese viño como ingrediente.
Avisarase oportunamente a cada establecemento, para que teñan a tapa preparada e poidan recibir ao xurado na hora e data indicada. O percorrido farase pola mañá.
Entrega dos premios: Aos gañadores obsequiaráselles cunha placa e insercións de publicidade, a entrega dos premios realizarase en outubro, coincidindo coas festas de San Froilán (comunicarase a data e o lugar oportunamente).
Tamén se procederá á realización dos sorteos dos agasallos aos que opta o público participante.

5. MODALIDADES DE COLABORACIÓN DOS ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES
Os establecementos participantes poderán colaborar:
- no patrocinio dalgún dos agasallos que se sortearán entre o público: agasallo dunha cea/ comida, vales para consumir no seu establecemento, etc.
- invitar ao público ao seu establecemento para amosarlle como elabora a tapa, impartir algunha charla relacionada coa tapa que está a elaborar ou os produtos que emprega para a súa elaboración, etc.
Dita colaboración recollerase nun formulario que a organización lle entregará aos interesados durante o periodo de inscrición.
A data límite para comunicar a modalidade de colaboración será o 20 de agosto coincidindo coa data de finalización da inscrición no concurso, con posterioridade a esta data non se admitirán propostas de colaboración dos establecementos participantes.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova