Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Centro de Atención a Mulleres Vítimas de Violencia atendeu nove mulleres no primeiro semestre deste ano


# Mércores, 11/08/2010

O Concello convoca tres concursos de deseño, fotografía e narrativa para concienciar á sociedade sobre a violencia machista



Imaxe Asociada
Nove mulleres e un menor pasaron polos pisos de acollida que ten o Concello de Lugo para mulleres que sofren malos tratos durante o primeiro semestre deste ano, segundo informou hoxe a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, que deu conta do labor desenvolvido polo Centro de Atención a Mulleres Vítimas de Violencia.

Neste primeiro semestre ingresaron cinco mulleres e un menor, as outas catro estaban acollidas xa desde o ano pasado. Os meses nos que houbo máis ocupación foron febreiro, marzo e maio con catro mulleres. A media de permanencia sitúase en 72-73 días e catro das usuarias proceden de Lugo e as outras cinco da provincia. Sete delas son estranxeiras, “como vén sucedendo nos últimos anos porque as mulleres inmigrantes teñen menor apoio familiar”, explicou a Concelleira.

Por idades, tres teñen de 18 a 24 anos, algo que Carmen Basadre cualificou de “preocupante, xa que a cifra de mozas maltratadas non dá baixado, de feito no 2009 a maioría delas eran destas idades, 8 das 14 atendidas durante todo o ano, estaban nesta franxa de idade”. Tamén indicou que cinco das mulleres acollidas teñen de 35 a 55 anos.

“A diferencia do 2009, no que a maioría eran solteiras, neste primeiro semestre 6 son casadas”, destacou tamén a Concelleira.

Carmen Basadre salientou ademáis que todas as usuarias teñen presentado denuncia, ningunha delas a retirou, e sete contan con órdenes de protección e as outras dúas están aínda pendentes de resolver.

A Casa da Muller está situada no parque de Frigsa, na avenida da Coruña, número 212. Ademáis o Concello dispón de tres pisos de acollida, con cinco prazas cada un, e os recursos dos que dispón ó Concello nesta área complétanse con outro piso para as auxiliares e que funciona como punto de encontro.



O prazo de acollida é de tres meses, prorrogables por outros tres, aínda que en moitos casos este prazo alongase porque hai mulleres teñen necesidade de permanecer máis tempo. Accédese a eles a través das forzas de seguridade a calquera hora todos os días do ano. As usuarias son de Lugo e provincia, aínda que se hai praza tamén se acollen mulleres de outros puntos de Galicia ou de España, sempre que a súa vida corra perigo.

O persoal que traballa neste servizo está formado por un equipo multidisciplinar composto por sete traballadores de familia que traballan a turno, ademáis de psicólogo, avogada, traballadora social e auxiliar administrativa.

Mesa contra a violencia de xénero

A Casa da Muller traballou ademáis este ano noutras frontes, un deles foi a constitución dunha Mesa técnica coa participación de todos os operadores implicados, fiscalía, xulgado, forzas de seguridade, entroutros, “co obxecto de optimizar os recursos para coñecer mellor ás vítimas e ós maltratadores co fin de poder actuar mellor ”, destacou Carmen Basadre.
Tamén fixo fincapé a responsable municipal de Igualdade na necesidade dunha “maior especialización dos profesionais que interveñen, especialmente dos avogados de oficio”. Lembrou que “as vítimas de violencia de xénero teñen dereito a asistencia letrada desde o momento que se interpón a denuncia e mesmo poden ser asistidas previamente” algo que deben saber as mulleres porque “orredor do 40% das vitimas inician o proceso sen representación letrada e é fundamental que a teñan”.

A Concelleira tamén amosou a súa preocupación polo feito de que “catro de cada dez cren que cando morre unha muller é culpable por convivir cun agresor, cando o único culpable que hai é o maltratador”.

Ademáis destacou a importancia do traballo de sensibilización da mocidade desde a escola.

Basadre indicou que o Concello de Lugo dá preferencia a vítimas da violencia machista en axudas ó aluguer, en formación, os nenos nas ociotecas e organiza xornadas para as inmigrantes sobre detección de malos tratos e dos recursos existentes para atender a quenes sofren a violencia de xénero.

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade amosou, ademáis, “preocupación e desagrado pola desaparición do Servizo Galego de Igualdade como organismo autónomo” e sinalou que na Comunidade Autónoma “aínda está pendente de constituir o Observatorio galego de violencia de xénero”.


Tres concursos contra a violencia machista

Carme Basadre iformou ademáis da convocatoria do Concurso de deseño gráfico para a prevención violencia xénero, que servirá, dixo, de “punto de partida para as Xornadas de sensibilización e prevención dos malos tratos que se celebrarán no mes de novembro”.

A Concelleira indicou que o prazo para a presentación de orixinais está aberto ata o día 20 setembro. O deseño deberá centrarse nos homes e a violencia de xénero. O premio deste certame é de 600 euros e un agasallo.

Seguen abertos ademáis, ata o 25 de outubro, os prazos de presentación de orixinais para o primeiro Certame fotográfico Revelando o machismo, dotado cun premio de 600 euros, e o primeiro Certame de narrativa xuvenil Entre iguais, dotado con tres premios de 300, 200 e 100 euros.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova