Imprimir

O CONCELLO APROBA A LICITACIÓN DO PROXECTO DE PEONALIZACIÓN DA RÚA SAN MARCOS


11/8/2010 A obra, unha das actuacións estrela do Plan Urban, ten un presuposto de 1.600.000 euros

O Goberno local aprobou este mércores o inicio do expedente para adxudicar polo procedemento aberto o proxecto de peoanalización da rúa San Marcos, segundo informou a Alcaldesa en funcións, Sonia Méndez, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno local.

“Este é un proxecto moi querido polo Goberno local e moi ansiado xa que suporá a conversión da rúa San Marcos nunha grande praza coa recuperación dos xardíns para o seu uso público, de xeito que se abrirá un importante tramo do paseo interior da Muralla na parte traseira do edificio da Deputación e tamén se arranxarán os calexóns, que agora mesmo non teñen unha boa imaxe”

Sonia Méndez considerou ademáis, que se trata “sen dúbida dunha das actuacións estrela do Plan Urban”. O presuposto da obra será de 1.600.000 euros e o prazo máximo de execución é de seis meses.

A Alcaldesa en funcións lembrou que a peonalización da rúa San Marcos está cofinanciada polos fondos Feder da Unión Europea nun 70% e tamén agradeceu a aportación de 3 millóns de euros que fixo a Deputación provincial de Lugo, “é un feito único en España que unha Deputación aportara unha cantidade tan importante ó Plan Urban”, sinalou.

Tocante a tramitación deste proxecto, Sonia Méndez indicou que a partir de hoxe enviarase para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e despois os licitadores terán 26 días para presentar as ofertas. “Logo deso, o antes posible, procederase á adxudicación “ sinalou a Alcaldesa en funcións.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local acordou tamén adxudicar provisionalmente as obras de repavimentación das rúas da Raíña e San Froilán á empresa Asogal nun importe de 102.565 euros. O proxecto consiste na cambio do pavimento de adoquíns como xa se ten feito con anterioridade noutras rúas do casco histórico.

Outro acordo adoptado hoxe na Xunta de Goberno do Concello foi a autorización do convenio de colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo para a tramitación de expedentes de rehabilitación e financiamento dos gastos de mantemento das oficinas municipais de rehabilitación.

Ademáis deuse o visto e prace á redacción dun proxecto modificaco de obras de construcción do Museo Interactivo da Historia para facerlle fronte a unha serie de imprevistos que xurdiron durante a execución das obras como foi a aparición de manantiais no subsolo.