O Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, e o adestrador Oscar Seijas, da asociación Obanlu (O Banquillo Lucense), presentaron hoxe a escola de porteiros de fútbol de Lugo, nunha rolda de prensa que se celebrou no Concello.
José Manuel Díaz Grandío salientou que a escola Lugoporteiros “é unha iniciativa novidosa en Lugo e xa conta coa participación de dous clubs de fútbol da cidade e hai a expectativa de que se poidan ir sumando outros máis”. “Para o Concello é unha satisfacción que haxa iniciativas coma esta nas que participen diversos clubs da cidade do mesmo deporte”, indicou Díaz Grandío quen tamén manifestou o seu desexo de que “lles vaia ben nesta idea que non é a única da asociación e que agardamos cheguen a dar moitos éxitos ós deportistas da nosa cidade”.
Oscar Seijas explicou que Obanlu é unha asociación formada por varios adestradores da provincia de Lugo e a súa primeira iniciativa é a creación de Lugoporteiros que “vai ser unha escola de porteiros que dará cabida a cativos de 5 a 18 anos e tamén ofrece a posibilidade de dar formación a porteiros amateurs”.
Na iniciativa participan os clubs de fútbol da Milagrosa e o Polvorín e “hai negociacións avanzadas” co Sagrado Corazón, segundo explicou Seijas.
A escola porteiros de Lugo terá os niveis de iniciación, avance e perfeccionamento. Neste último nas categorías de cadete, xuvenil e amateur.
Os adestramentos, que dirixirá o propio Oscar Seijas, faranse nas instalacións municipais. Tamén se baralla a posibilidade de que porteiros profesionais dean algunhas sesións e hai contactos con outra escola que se vai montar na Coruña para ter algún tipo de colaboración.
Ás persoas interesadas en anotarse en Lugoporteiros poden facelo chamando ó número 630 078 398 ou ben a través do correo electrónico escuelaporterosgmail.com.