Imprimir

O CONCELLO LEVA INVESTIDOS MÁIS DE 1.300.000 EUROS NA MELLORA DA ACCESIBILIDADE DE LUGO E XA TEN MÁIS PREVISIÓNS PARA 2011


13/8/2010 Este esforzo valeulle á nosa cidade o recoñecemento de diversas entidades

O Concello de Lugo leva investidos 1.317.313 euros en obras de accesibilidade. Con estes cartos fixéronse obras para facer accesibles 72 rúas da cidade . O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, fixo balance hoxe das cinco fases do programa de accesibilidade que executa cada ano o Concello en colaboración coa Once e o Ministerio de Traballo.

O labor desenvolto polo Concello para garantir a accesibilidade de Lugo valeulle á nosa cidade numerosos recoñecementos das asociacións de persoas discapacitadas, do Ministerio de Traballo e da Once, mesmo o Premio Raíña Sofía que recibiu o Concello de Lugo.

Ademais das actuacións nas rúas, tamén se investiron 105.000 euros en 72 cruces regulados por semáforos para proporcionarlle información sonora ás persoas.

José Piñeiro informou de que o Concello traballa conxuntamente coas asociacións do sector como Cogami, Auxilia e a Once, ás que agradeceu a súa colaboración, para detectar as principais necesidades e para planificar as actuacións que son máis urxentes.

O Concelleiro de Infraestruturas anunciou que o Goberno local xa ten preparada a sexta fase do convenio coa Once e o Ministerio de Traballo, que está pendente de ser asinado, e que contempla as actuacións previstas para o ano que vén. Nela incluirase a eliminación de barreiras arquitectónicas noutras oito rúas. Esta actuación está presupostada en 113.867 euros e, ademais, o Concello xa ten feitos os proxectos para quince rúas máis que se acometerán en canto se acade a financiación necesaria.

Piñeiro considerou que neste terreo hai que ser ambicioso e non darse por satisfeito, xa que aínda que é moi importante o esforzo que leva feito o Concello, as necesidades aínda son moitas e o Goberno local “non se conforma, ten a ambición de facer máis accesible a nosa cidade”.