Cargando....
Concello de Lugo
10/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O programa Lugo10 achegou a máis de 200 rapaces das Aulas Creativas ata a historia da Muralla lucense


# Venres, 20/08/2010
O Alcalde de Lugo e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade participaron nesta segunda xornada do obradoiro infantil “Muralla Lugo10 ti recordas, eu aprendo” que levou ós rapaces a coñecer a Muralla de Lugo.

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Máis de 200 nenos participaron nestas dúas xornadas de achegamento á Muralla romana nun obradoiro subvencionado integramente polo Ministerio de Cultura.


O obradoiro “Muralla Lugo10 ti recordas, eu aprendo”, que leva en funcionamento dende o 17 de xullo e que se prolongará ata o 3 de setembro, achegou onte e hoxe ós máis de 200 nenos e nenas que están a participar durante este verán nas Aulas Abertas e Ociotecas de Lugo a coñecer máis de preto a Muralla lucense.

Mediante diversas actividades, os rapaces e rapazas coñeceron a historia e a cultura da Muralla romana a través de contacontos, de recreacións da vida dos primeiros poboadores, de xogos, así como a elaboración de vestiario e decorado, e a participación en obradoiros de arte a partires de material reciclado.

Hoxe, o Alcalde de Lugo, José López Orozco xunto a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, acompañaron ós cativos que participan nas actividades das ociotecas dos centros do Uxío Novoneyra, Maruja Mallo e o Centro da Milagrosa. Un percorrido que comezou coa súa chegada nos autobuses de Monbus, empresa patrocinadora de Lugo10, que os achegou ata o tramo peonil da Ronda da Muralla. Dende alí, e acompañados por monitores, visitaron o Centro de Interpretación da Muralla, situado na Praza do Campo. Alí, os nenos e nenas coñeceron o pasado romano de Lugo a través dunha exposición permanente e de varios vídeos explicativos sobre a historia da cidade. Despois, os rapaces fixeron un almorzo para coller forzas e con xogos e cánticos comezaron a súa excursión pola Muralla lucense.

Durante o período estival, uns 440 nenos e nenas participaron nas diversas actividades programadas nas Ociotecas e Aulas Abertas dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Carmen Basadre, e que se están a celebrar nos Centros de Convivencia de A Milagrosa, Lamas de Prado, Fingoi, Uxío Novoneyra e Sagrado Corazón.

Obradoiro infantil incluído no Programa Lugo10

Lugo10 é un programa de actos e actividades culturais, deportivas, artísticas, sociais e medioambientais que se está a desenvolver ao longo de todo o ano 2010. Unha iniciativa aberta aos lucenses e financiada integramente por colaboradores e patrocinadores que pretende conmemorar o décimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial.

Lugo10 fixo a súa presentación oficial o 11 de xaneiro cunha espectacular gala celebrada no Círculo das Artes. A partires deste intre, a marca Lugo10 estivo presente
en Internet e as redes sociais a través da páxina web www.lugo10.es. Tivo a súa presenza en FITUR, e no mes de marzo organizou a I Subida Muralla de Lugo coa Escudería Miño. En abril houbo música da man dos Secretos, no Auditorio Gustavo Freire, e moda, coa celebración da Gala Muralla Moda 2010 que acadou unha gran repercusión mediática. Xuño e Xullo ofreceu aos lucenses e visitantes jazz nas rúas así como a posibilidade de coñecer a historia romana da cidade a través das Xornadas sobre Romanización. Lugo10 ademais estivo presente durante estes meses en toda a cidade a través de moitas actividades como Breackdance nas rúas, exposicións, visitas teatralizadas ó centro histórico ou a celebración da Gala de Danza Lugo10, celebrada o 4 de xuño no Auditorio Gustavo Freire, e que acadou un gran éxito.

Máis de 800 persoas participaron nas actividades de Lugo10 Lugoteando, celebradas no río Miño, e preto de 10.000 foron as que visitaron o Barco Muralla de Lugo, unha aula turístico-medioambiental móbil e pioneira en España que a Deputación de Lugo puxo en marcha para homenaxear a Muralla lucense polas principais cidades españolas. E coma non podería ser doutro xeito, Lugo10 non podía esquecer unha cita histórica, a celebración da final do Mundial de Sudáfrica España-Holanda, que compartiu con todos os afeccionados na Praza de Santa María.

Varias empresas quixeron sumarse a esta celebración como Coca-Cola, que fixo a súa particular homenaxe a Muralla lucense cunha botella conmemorativa, da que se fixeron 3.000 unidades.

Dende Lugo 10 tamén se quere apoiar aos novos talentos. Así, músicos, actores ou directores de cine teñen a oportunidade de participar, ata o 30 de outubro no Concurso Nacional de curtametraxes e maquetas Lugo10 que organiza a Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, e que está dotado con 9.000 euros en premios.

Lugo10 segue a estar presente nas rúas; un colorido logo de Lugo10 en flores dan a benvida a zona da Mosqueira, 34 autobuses da empresa Monbus locen a marca Lugo10 polas estradas de todo o mundo, rueiros da cidade, 5.000 exemplares coa información sobre os restaurantes do centro histórico e os hoteis de Lugo así coma mupis nas principais rúas da cidade ou os laterais das novas máquinas da ORA.

Dende a concesión da marca Lugo10, todas as actividades realizadas dende o Concello contan coa súa presenza. Unha marca que ten vocación de continuidade e que se manterá unha vez rematado o ano 2010 e que Lugo10 no só homenaxea o Décimo Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial, senón que expresa a idea dun Lugo moderno, dunha cidade excelente e con xente que merece un 10. O programa Lugo10 aínda ten moitas sorpresas que ofrecer ós lucenses e visitantes, que se coñecerán a partir do mes de setembro.

Lugo10 conta coa colaboración e patrocinio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, Laboratorios Nupel, Emetel, Urbaser, Telefónica, Gestagua, Calfensa, Fundación Azkar, Asogal Construcciones, Monbus, Cociñas Lareira, Transportes Valín, Ministerio de Cultura, Ministerio de Fomento-IGN, Correos, Coca-Cola, ONCE, Fundación César Egido Serrano, Mod Producciones, La Caixa, Caixa Galicia, DO Ribeira Sacra e o Xacobeo.

O programa Lugo10 nace para conmemorar o décimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial. Un proxecto integramente financiado por patrocinadores e colaboradores que oferta a cidadanía un amplo programa de actividades e actos nas rúas, centros municipais ou prazas e que ten como protagonista a Muralla, o pasado romano da cidade e o Camiño de Santiago no seu paso por Lugo.

www.lugo10.es





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova