Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

A OMIC de Lugo atendeu máis de 800 consultas e reclamacións nos seis primeiros meses de 2010


# Luns, 30/08/2010
As dúbidas e queixas sobre telefonía móbil e fixa, así como internet, entre as máis numerosas

A Concelleira de Servizos Xerais destacou a importancia desta oficina que asesora e informa sobre os dereitos dos consumidores

A OMIC, que exerce como mediadora, resolveu o 60% das reclamacións presentadas


A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou balance das consultas e reclamacións recibidas no primeiro semestre de 2010 na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC).

Nestes primeiros seis meses do ano, houbo 577 consultas e 244 reclamacións por diferentes motivos. A Concelleira explicou que destacan sobre todo “as cuestións relacionadas coa telefonía móbil, representando un 20% das consultas do sector e o 30% das reclamacións. A telefonía triplica tanto en consultas como en reclamacións á telefonía fixa”.

Luisa Zarzuela tamén dixo que este ano houbo un importante número de consultas relacionadas coa electricidade, “supoñen o 19% das consultas e o 12% das reclamacións totais, aínda que baixaron con relación ao ano pasado”.

Outro dato significativo foi o aumento dun 50% de consultas e queixas relacionadas cos electrodomésticos, sobre todo coas garantías dos electrodomésticos obtidos mediante o plan Prever, e con internet.

A Concelleira destacou o papel mediador que xoga a OMIC, “dende esta oficina resolvéronse un 60% das reclamacións presentadas”. Destacou tamén o grao de coñecemento co que conta nestes momentos, “aumentaron un 40% as visitas a esta oficina, e isto débese en gran medida a que a xente sabe a onde acudir cando ten dúbidas ou reclamacións sobre consumo”.


Negativa da Xunta a manter o Convenio co Concello
Neste senso, Luisa Zarzuela, explicou que non entende a razón pola que a Xunta de Galicia decidiu non dar axuda este ano á OMIC do Concello de Lugo: “é un servizo á disposición da cidadanía e fixemos un enorme esforzo para dala a coñecer, e agora, este ano, deciden non axudarnos”.

Zarzuela explicou que dende o Concello “entendemos que a crise afecta a todos, pero tamén aos Concellos e aínda así non queremos eliminar servizos á cidadanía. A OMIC informa ao consumidor e defende os seus dereitos”. Luisa Zarzuela explicou ademais que non entende porque a Xunta non apoia a Oficina do Concello e en cambio sí que favorece, mediante subvencións, a aparición de agrupación e a multiplicación de entes descoñecidos polos veciños e veciñas. “Nós estamos a favor, e defenderemos sempre, que se axude ás agrupacións, pero a administración local é a máis próxima aos veciños e veciñas e iso non debería esquecelo a Xunta. Parece que o seu interese é dispersar a información, o que aumenta as dúbidas dos consumidores”.

Luisa Zarzuela explicou ademais que dende a Oficina de Consumo se fixo un importante esforzo para dar a coñecer os servizo que ofrecen “fixemos campañas nos medios, xornadas, dípticos, relatorios…Todo para que os veciños e veciñas saiban que existimos e que poden acudir a nós. Por iso non entendemos que esta vez o Goberno autonómico decida non renovar o convenio con nós”.

Que é a OMIC?
É a oficina que ten a administración local e que ofrece o servizo de información, axuda e asesoramento aos consumidores e usuarios para o axeitado exercicio dos seus dereitos en materia de consumo.

O Concello, consciente de que o consumo é un dos feitos máis habituais na nosa vida, considera importante que a cidadanía coñeza os seus dereitos e obrigas nas relacións de consumo.

Tamén é importante que os veciños e veciñas realicen un consumo racional e responsable.

Que fai a OMIC?
Recolle, rexistra e da xustificante de recepción das queixas e reclamacións dos consumidores e usuarios e a súa remisión ás entidades ou organismos correspondentes.

Realiza tarefas de educación e formación en materia de consumo, campañas divulgativas de interese para a formación e a defensa do consumidor

Apoia ao Arbitraxe de Consumo.

Orienta aos consumidores e consumidoras sobre os enderezos e principais funcións doutros centros públicos ou privados, de interese para os consumidores e usuarios.

Que asuntos trata?
Practicamente, todos os relacionados co ámbito do consumo, que poden estruturarse nos seguintes sectores:Bens, como automóbiles, electrodomésticos ou roupa, por exemplo. Suministros, como auga, gas, electricidade e teléfono, entre outros Servizos, como os que prestan as axencias de viaxe, os bares e os restaurantes ou as empresas de transportes.

Quen pode acudir á OMIC?
Todos os consumidores e usuarios; é dicir, as persoas físicas ou xurídicas que compren ou utilicen como destinatarios finais, bens, produtos, servizos, actividades ou funcións, calquera que sexa a natureza pública ou privada, individual ou colectiva de quen os produce, facilita, suministra ou expide.

Onde está a OMIC?
Centro de Servizos Municipais.
Ronda da Muralla, nº 197. 27002 Lugo
Teléfono: 010, 982 297272 e 982 297273
Fax: 982 297273
Horario de atención ao público:
Luns a venres de 9,00 a 14,00 horas.

Portal web OMIC

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova