Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo rehabilitará dous novos inmobles no Centro Histórico da cidade


# Martes, 31/08/2010


É unha actuación enmarcada no Plan Urban, conta co 70% de cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e dotará ao centro histórico dun Centro municipal de Novas Tecnoloxías

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Delegada de Urbanismo, María Novo, anunciaron a adquisición de dous inmobles situados na Praza de Anxo Fernández Gómez para a súa rehabilitación.

Trátase de dous edificios, os números 2 e 4, que adquirirá o Concello dentro do Plan Urban en cumprimento do PEPRI e que se destinarán a Centro Municipal de Novas Tecnoloxías ao servizo da cidadanía. Son edificacións que dende o ano 97 están consideradas como dotacionais

O número 4 é ademais unha edificación que está declarada en ruínas e que é preciso rehabilitar con urxencia. A Delegada de Urbanismo anunciou que xa houbo conversas cos propietarios e inquilinos dos inmobles. Ademais Novo tamén explicou que un dos inmobles afecta á parte traseira, non á histórica, dunha libraría, e a Oficina de Urban colaborará cos inquilinos para buscar a fórmula de que continúen a actividade no Centro histórico.

Esta actuación non afecta ás fachadas de comercios históricos como a Farmacia ou a Libraría Balmes que continuarán coa súa actividade.

O proxecto para a construción do Centro terá en conta as necesidades da cidadanía e das pequenas e medianas empresas en canto ao uso de novas tecnoloxías. Novo anunciou que se estudará a posibilidade de poñer en marcha “unha sala de videoconferencias para pemes, emprendedores e autónomos, unha biblioteca moderna con novas tecnoloxías… A idea é dedicalo a tecnoloxías para uso público, poñendo a disposición da cidadanía tecnoloxía avanzada”.

A Concelleira de Economía e Emprego puntualizou ademais que será un centro que permitirá o acceso á e-administración e lembrou que Urban da moita importancia ao uso e achegamento das novas tecnoloxías “aspecto que foi moi valorado cando se concedeu este proxecto”.

Sonia Méndez tamén explicou que o feito de que os edificios, non catalogados pero que teñen que adaptarse á normativa, sexan anexos á Casa Consistorial reducirá notablemente os custos de mantemento do novo centro.

O expediente comezarase a tramitar nuns días e farase coa maior rapidez para comezar o proxecto. Nestes momentos os servizos municipais están a facer a valoración da adquisición.


Lugo10
A Concelleira de Economía cualificou ademais de moi graves as acusacións verquidas no día de onte polo Partido Popular “non contra o Alcalde, co que xa sabemos que están obsesionados, senón contra as empresas lucenses, unha vez máis, ás que está acusando practicamente de corrupción porque está a dicir que se benefician do Concello ilexitimamente e a cambio pagan unha cota”.

Méndez subliñou que “nada do que di é certo”, e recordoulles aos membros do GMPP que o Concello de Lugo ten a máxima puntuación en transparencia de toda Galicia.
“As empresas que ganan os concursos do Concello fano en boa lid, e non teñen que facer ningún pago ao Concello como da a entender o PP”.

Para Sonia Méndez estas acusacións que representan os constantes ataques do PP ás empresas de Lugo non se van a consentir “toda a tramitación de Lugo10 se fai con absoluta transparencia, todos os gastos pasan por Xunta de Compras, onde está presente o PP”. Ademais, o proxecto Lugo10, para garantir a total transparencia, e a pesar de que non é necesario, conta cun código de proxecto para que se identifique claramente cada gasto nas Xuntas de Compras.

Dentro dos patrocinadores de Lugo10 hai empresas que traballan co Concello e outras que non, pero todas quixeron formar parte dun programa de conmemoración deste Décimo Aniversario, no que se apostou dende o principio pola xente de Lugo.

Méndez sinalou que Lugo10 apostou por clubs, asociacións, colectivos lucenses, e sempre polos patrocinadores, sen os que non sería posible poñer en marcha este programa. Lugo10, apostou e seguirá apostando polos medios de comunicación lucenses que son os que deben dar a coñecer este proxecto, e Lugo10 seguirá difundindo os actos e actividades do Concello “como institución que representa a todos os lucenses. Nunca se empregou o programa para uso partidista, aínda que o PP pense que si porque eles diso saben moito”.

Sonia Méndez convidou á Voceira do PP a participar nalgunha das Visitas Teatralizadas, e comprobar que este ano se informa aos turistas do que é Lugo10 “o guión céntrase exclusivamente no Décimo Aniversario, como ten que ser”. Lembrou tamén outras iniciativas coma os planos que Lugo10 regalou aos hostaleiros, as guías da cidade, feitas por Lugo10, os concertos de Jazz, as actuacións de Breackdance, o Torneo Internacional de Baloncesto Lugo10 coa Selección española feminina…

Méndez preguntouse onde está a Xunta de Galicia neste Décimo Aniversario. Lembrou que non forma parte do programa de conmemoración, a pesar de que se lles presentou o proxecto, e aínda que son “propietarios da Muralla, nin sequera se preocupan por mantela limpa”.

A Concelleira cuestionou a validez das críticas do Partido Popular a un programa para o que non presentaron nin unha soa proposta, a pesar de que se lles pediu na primeira Comisión de Seguimento de Lugo10. “Está claro que para o PP se ao Concello lle vai ben, a eles vailles mal. A súa idea é que canto peor, mellor”.

www.lugo.es/urban

www.lugo10.es

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova